Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

3 de julio de 2026

Inés Rey salienta a colaboración institucional na inauguración do novo edificio da Plataforma Náutica do Parrote

A alcaldesa destaca que proxectos como Coruña Marítima ou a futura área metropolitana demostran a importancia do traballo conxunto entre administracións para impulsar o futuro da cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este venres na inauguración do edificio de servizos da Plataforma Náutica do Parrote, unha infraestrutura que reforza a oferta deportiva e de lecer vinculada ao mar e que permitirá dinamizar un dos espazos máis emblemáticos da fachada marítima coruñesa. No acto tamén participaron o redactor do proxecto, Santiago González; o presidente da Autoridade Portuaria de A Coruña, Martín Fernández Prado, e conselleira María Martínez Allegue.

A plataforma inicia agora unha nova etapa coa posta en marcha da súa actividade por parte da empresa Nacosta Watersports, que xestionará as instalacións ata setembro de 2027. O proxecto inclúe alugueiro de táboas de paddle surf e kaiaks, actividades formativas, rutas guiadas, adestramentos deportivos e novas disciplinas vinculadas ao benestar sobre a auga, ademais dun servizo de cafetería no propio edificio. 

Durante o acto, a alcaldesa puxo en valor o entendemento entre institucións para facer realidade iniciativas que contribúen a mellorar a cidade e ampliar os servizos á cidadanía. "Esta plataforma e o seu novo edificio son un exemplo de que cando as administracións colaboran e traballan cun obxectivo común, quen gaña é sempre a cidadanía. A Coruña necesita proxectos ambiciosos, pero tamén a cooperación institucional necesaria para facelos realidade", sinalou a rexedora.

Inés Rey lembrou que o Concello leva anos traballando na recuperación e posta en valor da contorna do Parrote e na promoción do uso cidadán deste espazo, coa habilitación da zona de baño e a coordinación con outras administracións para facilitar o seu aproveitamento público. A rexedora enmarcou a inauguración dentro da transformación que está a vivir a cidade e destacou que os grandes retos da Coruña esixen diálogo e colaboración entre administracións. "Sempre defenderemos os investimentos que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.  A política útil é a que suma esforzos, a que busca acordos e a que transforma os proxectos en realidades", indicou. Froito desa colaboración, na propia plataforma de baño os servizos de socorrismo os prestarán técnicos aportados polo Concello da Coruña, que velarán pola seguridad dos usuarios ata o vindeiro 15 de setembro, cando finalice a tempada de praias. 

Rey sinalou como principal exemplo de cooperación institucional o desenvolvemento de Coruña Marítima, a operación que permitirá definir o futuro da fachada portuaria. "Coruña Marítima é probablemente o mellor exemplo do que podemos conseguir cando Concello, Xunta, Estado e Autoridade Portuaria remamos na mesma dirección. Estamos ante unha oportunidade histórica para transformar a cidade e crear novos espazos de convivencia, actividade económica e innovación", dixo Rey.

Ademais, a alcaldesa incidiu na importancia de avanzar na constitución da futura área metropolitana coruñesa, unha iniciativa que considera clave para afrontar os desafíos comúns do territorio. "A Coruña ten a vocación e a responsabilidade de liderar a futura área metropolitana. Queremos construír un espazo de cooperación que mellore a mobilidade, os servizos públicos, o acceso á vivenda e as oportunidades económicas para centos de miles de persoas", sinalou Rey.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión