18 de febrero de 2025
A alcaldesa abriu o Foro Urbano celebrado no Centro Cívico de Os Mallos, onde veciños e veciñas puideron coñecer e achegar novos proxectos para os barrios de Os Mallos e Sagrada Familia
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou hoxe no Foro Urbano da Axenda Urbana 2030 que a nova estación intermodal é un claro exemplo da segunda modernización da Coruña.
No evento, celebrado no Centro Cívico de Os Mallos, presentou os avances na Axenda Urbana así como proxectos en marcha para a contorna da estación intermodal, especialmente nos barrios lindeiros: "Estamos a falar dunha transformación que permitirá integrar mellor Os Mallos e Sagrada Familia coa nova realidade intermodal e co resto da cidade, xerando novas oportunidades para estes barrios", sinalou Rey.
Durante o encontro, a rexedora puxo en valor a posta en marcha da primeira fase do Plan de Barrios 2025-2027, con 53 millóns de euros para investimentos en toda a cidade. Nese sentido, expuxo o proxecto "Conectando a Rolda dos Barrios" recollido no Plan, iniciativa coa que se prevé mobilizar investimentos por 20 millóns de euros: "Prevemos diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e o atractivo urbano de Os Mallos e Sagrada Familia, promovendo a súa integración efectiva na cidade e garantindo que a chegada da intermodalidade non supoña unha barreira, senón unha oportunidade para os veciños e veciñas", explicou a alcaldesa.
O Foro Urbano tamén serviu como espazo de revisión da Axenda Urbana 2030, permitindo actualizar as prioridades identificadas en 2022 para adaptalas ás novas oportunidades e necesidades da cidade: "A participación cidadá é clave para o modelo de cidade que estamos a construír. Queremos escoitar, debater e integrar as achegas da veciñanza porque A Coruña faise entre todos e todas", concluíu a alcaldesa.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, fixo un repaso polos proxectos en marcha e destacou que a Intermodal supón cambio de paradigma na planificación urbana da Coruña: "Non se trata só de construír infraestruturas, senón de garantir que teñan un impacto positivo e directo na vida das persoas", afirmou.
Preto dun cento de persoas, representantes de entidades veciñais, sociais e empresariais, participaron no Foro Urbano que contou con dúas dinámicas participativas para a posta en común de propostas e inquedanzas, reforzando o compromiso do Concello coa participación cidadá como eixo fundamental da planificación urbana. "Non podemos falar dunha transformación real da cidade sen contar cos barrios e sen atender ás necesidades da veciñanza", afirmou a alcaldesa.
Con esta iniciativa, A Coruña segue avanzando na súa transformación urbana, poñendo ás persoas no centro das políticas municipais e garantindo que o desenvolvemento da cidade sexa sostible, inclusivo e respectuoso coa identidade dos barrios.

15 de diciembre de 2025

13 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible