1 de agosto de 2026
Inés Rey: “Comezamos un mes de agosto cunha programación de primeira para unha cidade de primeira”
Luz Casal abriu as Noites de María Pita cun concerto no que presentou o seu novo espectáculo, Me voy a permitir
A Coruña deu esta noite o pistoletazo de saída ás Festas de María Pita 2026 co pregón pronunciado pola actriz, humorista e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, e coa actuación posterior de Luz Casal, encargada de abrir o programa das Noites de María Pita ante unha praza chea de público.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de presentar á pregoeira desde o balcón principal do Palacio Municipal, nun acto que abriu oficialmente un mes de programación cultural e festiva por toda a cidade. Durante a súa intervención, a rexedora reivindicou a Coruña como "unha cidade de mulleres, de barrios, creativa e festiva como poucas", destacando figuras como María Pita, Emilia Pardo Bazán, Luísa Villalta e a propia Lucía Veiga.
"Somos unha cidade de mulleres, de barrios, creativa e tamén festiva como poucas. Xa saben: mentres outras fan outras cousas, A Coruña divírtese", sinalou a alcaldesa diante das milleiros de persoas congregadas na praza. Inés Rey destacou tamén que a programación prevista para agosto confirma a condición da cidade como un dos principais referentes culturais do noroeste peninsular. "Comezamos un mes de agosto cunha programación de primeira para unha cidade de primeira", afirmou.
No seu pregón, Lucía Veiga reivindicou a identidade coruñesa como unha forma de pertenza que vai moito máis alá da orixe. A actriz apelou ao sentimento compartido de quen escollen a cidade como fogar e defendeu que ser coruñés ou coruñesa "é unha cuestión de alma, unha elección, un sentimento". A preoeira mesmo asinou un termo: CTA, ou coruñés/a de toda a alma. Veiga lembrou que todas as persoas que cruzan a Ponte Pasaxe "corren o perigo de quedar prendidas desta cidade" e destacou a capacidade da Coruña para conquistar a quen a habita.
A pregoeira puxo tamén en valor o carácter aberto, resiliente e acolledor da cidade, reivindicando a cultura como un elemento esencial da vida colectiva. "Cultura sempre", proclamou durante a súa intervención, animando a coruñeses e coruñesas a non renunciar nunca a ela por ser unha ferramenta que "abre as mentes e ensancha os corazóns". Veiga destacou ademais o espírito dunha cidade "mariñeira, comerciante, industrial, coqueta e orgullosa", capaz de adaptarse ás dificultades sen perder nunca a súa personalidade. O pregón rematou cunha emotiva homenaxe ás mulleres da Coruña e ás xeracións que contribuíron a construír a cidade actual. Lucía Veiga reivindicou o legado de figuras como María Pita, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Casares ou Juana de Vega e animou ás coruñesas a "reclamar o seu sitio" e chegar onde queiran chegar. A actriz concluíu a súa intervención convidando á cidadanía a vivir intensamente as festas: "O que teña gana de festa que me siga. Vivan os CTV! Vivan os CTA! Viva Coruña!".
Natural dos Mallos, Lucía Veiga foi a encargada de inaugurar oficialmente as festas deste ano. A actriz mantén conta cunha sólida traxectoria no teatro, o audiovisual e a comedia, consolidándose nos últimos anos como unha das voces máis recoñecibles do panorama cultural galego.
Tras o pregón, a praza de María Pita converteuse no escenario do primeiro gran concerto das festas coa actuación de Luz Casal, unha das artistas máis destacadas da música española contemporánea. A cantante galega presentou en directo 'Me voy a permitir', o seu último espectáculo, un traballo no que percorre novos territorios creativos e combina diferentes influencias musicais cun repertorio que mantén a personalidade dunha das voces máis recoñecibles da música estatal. A actuación supuxo o primeiro concerto dun programa que ao longo de agosto reunirá artistas galegos, estatais e internacionais en María Pita.
Mercedes Peón protagonizará a segunda xornada festiva
As Festas de María Pita continuarán mañá co concerto de Mercedes Peón, unha das creadoras máis influentes e innovadoras da música galega contemporánea. A artista presentará na praza de María Pita o espectáculo 'Ingrávida', no que revisa algunhas das composicións máis significativas da súa carreira e reivindica a riqueza da tradición musical galega desde unha perspectiva contemporánea.
Compositora, vocalista e multiinstrumentista, Mercedes Peón leva máis de dúas décadas convertida nunha referencia internacional da música de raíz. O seu traballo nace dunha intensa labor de investigación e recuperación do patrimonio oral galego, desenvolvida ao longo de 25 anos en aldeas de toda Galicia. A súa traxectoria foi recoñecida con numerosos galardóns nacionais e internacionais e sitúaa como unha das artistas fundamentais da música galega actual.
O concerto de mañá, que comezará ás 22.00 horas, permitirá ao público gozar dunha proposta que combina tradición, electrónica, experimentación sonora e memoria colectiva.

1 de agosto de 2026

24 de julio de 2026

23 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible