Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

12 de agosto de 2026

Máis de 225.000 persoas viviron hoxe na Coruña a xornada da eclipse solar

O Concello despregou ao longo do día un amplo dispositivo de seguridade e limpeza integrado por máis de 400 profesionais, para asegurar o correcto desenvolvemento da xornada

A Coruña viviu hoxe unha xornada histórica coa observación da eclipse solar, un dos acontecementos máis importantes do ano e un fenómeno astronómico que levaba máis dun século sen ser visible desde a cidade. 

Ademais, o evento tamén coincidiu coa celebración do Trofeo Teresa Herrera, que enfrontou o Real Madrid e ao Real Club Deportivo, e cunha ampla programación cultural e musical en lugares como o parque de Santa Margarida -coa experiencia "Vamos a Star bajo el anillo", protagonizada pola cantante Rosana-, María Pita -escenario das actuacións de Los Satélites e Paco Lodeiro- ou Campo da Leña -co inicio do XXXIX Festival Internacional de Folclore-. Todos estes factores contribuíron a unha gran mobilización de xente, que os servizos municipais cifran en máis de 225.000 en toda a urbe (unhas 125.000 entre o Aquarium e o Praia Club, incluíndo Riazor e Orzán; 30.000 no Monte San Pedro, 30.000 no Portiño, 25.000 na contorna da Torre e outras 10.000 repartidas polos barrios). 

"Foi unha xornada, ademais de histórica, exemplar. Miles de persoas, tanto da Coruña como de fóra, puideron vivir en todo o seu esplendor un acontecemento histórico que ninguén esquecerá, a primeira eclipse de sol visible na cidade desde 1912. Quero agradecerlle moi especialmente a todas as persoas que traballaron para que este día tan máxico se desenvolvese con normalidade", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

Dispositivos de seguridade e limpeza

O Concello preparou durante meses o dispositivo especial para o día de hoxe,  integrado por case 400 persoas entre persoal de seguridade e emerxencias (Policía, Bombeiros, Protección Civil e técnicos sanitarios) e tamén o correspondente aos servizos de limpeza e contedores, que velaron pola seguridade cidadá e a limpeza con especial atención as zonas de maior aglomeración. 

"O traballo dos equipos municipais foi, en todas as áreas, exemplar. Tamén a actitude da maior parte da cidadanía, que soubo gozar seguindo as indicacións das autoridades e tamén dos expertos, que trasladaron durante estas semanas a importancia de usar as lentes para protexer os ollos durante a eclipse", engadiu Inés Rey. 

Como parte das accións especiais de limpeza na cidade, o Concello situou 155 novos contedores distribuídos estratexicamente polo termo municipal, entre os máis de 40 enclaves a pé de rúa identificados polos servizos municipais para visualizar a eclipse. Entre eles, O Portiño e o paseo marítimo de Riazor, onde houbo especial afluencia, mais tamén en partes da cidade coma o parque de Santa Margarida e a praza de María Pita, ao ser zonas de celebración das actividades culturais. 

Unha terceira parte dos contedores de reforzo (case 60) foron de fracción resto, o correspondente para depositar as lentes especiais para observar a eclipse. Ao longo de toda a tarde, os servizos do Concello fixeron un seguimento exhaustivo dos niveis de acumulación de residuos nos diferentes puntos da cidade para adaptar sobre o terreo a actuación dos equipos. Tamén se dispuxeron aseos químicos públicos en zonas de máis afluencia.

Punto violeta e zonas PMR 

A base de operacións do dispositivo de seguridade e mobilidade foi habilitado pola mañá na Coiraza do Orzán. A alcaldesa, Inés Rey, supervisou o avance da xornada desde este punto, onde se centralizaron as tarefas de vixiancia dos servizos de emerxencia.

Tamén se instalou na Coiraza un Punto Violeta, un espazo seguro para denunciar calquera situación de violencia sexual que se poida producir durante a xornada. Ademais, nesta área estiveron tamén os espazos reservados para persoas con mobilidade reducida, que desta forma puideron observar a eclipse con todas as garantías de accesibilidade e seguridade.

"Toda a cidade gozou xunta e colaborou para facer deste un gran día. Un día histórico. Creo que A Coruña demostrou, unha vez máis, que sabe facer as cousas ben e que sabe pasalo moi ben", valorou a alcaldesa.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión