Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de marzo de 2023

O Goberno de Inés Rey facilítalles, por terceiro ano consecutivo, o acceso de balde ao ensino ás crianzas de ata tres anos de idade, unha medida na que o Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia

Mañá abre o prazo de solicitudes de cara ao novo curso nas Escolas Infantís Municipais, con oito horas de atención educativa gratuíta para as familias

O procedemento para solicitar praza será de dez días naturais: desde este mércores 22 de marzo, e ata o vindeiro venres 31 de marzo, os dous incluídos

Mañá, mércores 22 de marzo, o Concello abre o prazo de solicitudes para obter praza na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) de cara ao vindeiro curso 2023-2024, no que o Goberno de Inés Rey ofrecerá oito horas de atención educativa gratuíta para as familias.

As bases reguladoras do proceso de admisión na REIM aprobáronse na Xunta de Goberno Local o pasado 15 de marzo. Neste sentido, e por terceiro ano consecutivo, as nais e pais dos pequenos que asisten ás escolas infantís municipais terán garantida a gratuidade do servizo, unha iniciativa posta en marcha durante este mandato, como parte do plan de axuda ás familias que impulsa o Goberno municipal, e que beneficia a máis de 500 familias con fillos e fillas que asisten aos oito centros que integran a REIM: A Caracola (Novo Mesoiro), Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Rosales, Luis Seoane (Monte Alto), Monte Alto e Os Cativos (Palavea).

O procedemento para solicitar praza nas escolas infantís municipais

No proceso de admisión nas escolas infantís municipais, ao igual que en anos anteriores, as nenas e nenos escolarizados actualmente na REIM terán dereito a renovar a praza na súa escola. Poderase, ademais, solicitar praza noutra escola da REIM no caso de ter un irmán ou irmá na escola solicitada.

No referente aos novos ingresos, os usuarios teñen que ter unha idade mínima de 3 meses o día de comezo do curso escolar e non ter cumpridos os 3 anos o 31 de decembro de 2023. Será necesario, ademais, que a menor en cuestión estea empadroada con algún dos proxenitores. 

Terán acceso preferente as solicitudes de prazas correspondentes a nenas e nenos baixo circunstancias como, por exemplo, as consideradas de urxencia social, así como as solicitudes de nenas e nenos que conten cun irmán ou irmá escolarizado de cara ao curso 2023-24 nunha escola da REIM para os efectos de matricularse nela por primeira vez.

A orde de adxudicación de prazas de novo ingreso será a seguinte: en primeiro lugar, obterán praza nas escolas solicitadas as nenas e nenos empadroados no Concello da Coruña; en segundo lugar, no caso de existir prazas vacantes, poderán obter praza as fillas e fillos de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo no termo municipal da Coruña; e, en terceiro lugar poderán acceder nenas e nenos doutros concellos.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez días naturais, desde este mércores 22 de marzo, e ata o vindeiro venres 31 de marzo, os dous incluídos.

As bases e a información da convocatoria, xa publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), tamén poden consultarse a través da web da  Escolas infantís .

A ampliación a oito horas de gratuidade na REIM

O incremento de seis a oito horas de atención educativa gratuíta na REIM entrará en vigor o vindeiro día 1 de abril, e terá continuidade no curso 2023-2024. Desta forma, o Goberno de Inés Rey reforza o plan de apoio ás familias posto en marcha neste mandato, facilitando o acceso de balde ao ensino ás crianzas de ata tres anos de idade, unha medida na que o Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión