20 de septiembre de 2026
Gonzalo Castro destacou o compromiso do Concello coa memoria democrática, a reparación das vítimas e a divulgación da historia da cidade
O barrio de Monte Alto acolleu este domingo a terceira edición do Roteiro da Memoria Cívica, unha iniciativa integrada na programación das festas do barrio e destinada a reivindicar a memoria democrática e a historia das persoas que sufriron a represión franquista na cidade. O percorrido estivo conducido por Carlos Ares e contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, do historiador Rubém Centeno e de integrantes do colectivo de expresas e expresos políticos da Coruña.
O roteiro comezou diante do Monumento aos Irmáns da Lexía e continuou posteriormente cara á contorna do antigo cárcere provincial de Monte Alto. Ao longo da mañá, as persoas participantes puideron coñecer diferentes episodios da historia da represión franquista na cidade e o papel desempeñado por numerosas persoas que defenderon a legalidade democrática e sufriron prisión, persecución, exilio ou morte. Durante a súa intervención, Gonzalo Castro puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas. "A memoria democrática non é nostalxia nin unha mirada ao pasado; é asumir a nosa historia con verdade para construír un presente máis xusto e un futuro máis libre e democrático", sinalou o concelleiro.
Castro lembrou tamén o compromiso do Goberno de Inés Rey coa recuperación da memoria democrática e coa reparación das vítimas da ditadura. "As institucións democráticas non poden limitarse a acompañar as homenaxes. Temos a responsabilidade de investigar, recoñecer, reparar e transmitir. Debemos incorporar a memoria ás políticas públicas e garantir que as vítimas ocupen o lugar que lles corresponde no relato da cidade", afirmou. O edil repasou algunhas das actuacións impulsadas polo Concello nesta materia, entre elas o estudo promovido polo Instituto José Cornide que permitiu identificar máis de 140 traballadoras e traballadores municipais represaliados, os homenaxes a figuras como Joaquín Martín Martínez e Alfredo Suárez Ferrín, así como os traballos para a declaración de diversos espazos da cidade como Lugares de Memoria Democrática.
O concelleiro destacou tamén o papel da Casa Museo Casares Quiroga como eixo das políticas municipais de memoria. "Queremos que sexa a casa común da memoria democrática coruñesa, un espazo aberto ás asociacións memorialistas, á investigación, á divulgación e á participación cidadá", explicou.
O roteiro concluíu cunha chamada a continuar fortalecendo as políticas de memoria democrática desde o rigor histórico e institucional. "Queremos construír unha política de memoria sólida, compartida e permanente, que permaneza no espazo público e na conciencia da cidade. Un traballo feito con paso lento e mirada longa para que ninguén poida revertelo no futuro", concluíu Gonzalo Castro.

20 de septiembre de 2026

20 de septiembre de 2026

19 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible