20 de marzo de 2024
Profesionais de Copenhague, San Quentin, Kavala, Korydallos, Bistrita Vilnius, Pombal e o Consello Danés de Tecnoloxía danse cita na cidade herculina
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, abriu as xornadas europeas que se celebrarán hoxe e mañá no barrio da Sagrada Familia
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, interviu esta mañá no inicio do segundo Core Network Meeting da rede Urbact Cope, que está tendo lugar entre hoxe e mañá na Coruña. A concelleira explicou que "celebrar o Urbact Cope na Coruña demostra que estamos no circuíto das cidades europeas referentes en políticas verdes".
A primeira destas xornadas celebrouse o pasado mes de novembro na cidade grega de Korydallos, onde a rede Urbact Cope se constituíu como grupo de traballo en materia sostible. Díaz destacou o modelo de cidade posto en marcha polo Goberno de Inés Rey: "Camiñar cara unha cidade máis sostible deixou de ser un slogan para converterse nunha realidade, con centos de actuacións nos diferentes barrios coa prioridade peonil e a vexetación como obxectivo prioritario".
A concelleira explicou que o feito de escoller a Sagrada Familia como núcleo para a celebración das xornadas vai na liña da posta en valor dos barrios. "Este proxecto non podía ter un espazo mellor que a Sagrada Familia para o seu primeiro cumio na Coruña. Un proxecto humilde cuxas potencialidades son tamén emocionantes" sinalou.
Díaz referiuse a algunhas actuacións xa proxectadas no barrio como exemplo de tranformación urbana sostible. Destacou a peonalización da Sagrada Familia, que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros; e outras xa realizadas como a transformación do antigo viaduto da Rolda de Nelle, hoxe unha vía aberta de plataforma única chea de árbores e cun carril bici que conecta Os Mallos e a Sagrada Familia con Santa Margarita e A Falperra.
Logo da apertura institucional a cargo da concelleira, leváronse a cabo varias actividades para a introdución e explicación do proxecto seguindo de exercicios de participación, tanto cidadá como da propia rede. Destaca a exposición sobre Copenhage como modelo de cidade verde, na que dous profesionais daneses explicaron o proceso de transformación levado a cabo na capital.
Esta tarde a xornada continúa con tres ponencias. A primeira será unha conferencia impartida pola arquitecta Cristina García Fontán, profesora da Universidade da Coruña; a concelleira Noemí Díaz, sobre as estratexias de renaturalización e adaptación ao cambio climático da Coruña; e unha última da man de Antonio Prieto González sobre a Sagrada Familia.
Xunto á Coruña e Copenhague, intégranse na rede diversas cidades europeas como San Quentin (Francia), Kavala e Korydallos (Grecia), Bistrita (Romanía), Vilnius (Lituania) e Pombal (Portugal), así como o Consello Danés de Tecnoloxía. Grazas á participación na Rede Urbact Cope, as accións que resulten do proxecto sitúanse nunha posición moi vantaxosa para a obtención de financiamento europeo de cara á súa execución.
Participación cidadá, mañá na Sagrada Familia
Mañá, xoves 21, celebrarase a segunda e última xornada do encontro Urbact Cope coa participación cidadá e a inmersión no barrio como prioridade. Durante toda a mañá levaranse a cabo actividades exteriores de interacción cos veciños e veciñas da Sagrada Familia.
A primeira hora levarase a cabo o reparto de "misións" para cada un dos grupos acordados entre as cidades co obxectivo de coñecer máis a fondo o barrio, interactuando cos veciños e veciñas e convidándolles a coñecer o proxecto. Finalmente, a rede reunirase para facer unha evaluación do encontro e avanzar no proxecto europeo de acordo coas conclusións de todas as cidades implicadas.
31 de marzo de 2024
27 de marzo de 2024
21 de marzo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible