14 de noviembre de 2022
O encontro comezará o 21 de novembro, coincidindo coa celebración do centenario do seu nacemento
O congreso permitirá incorporar á cidade da Coruña ao circuíto internacional de especialistas sobre a figura de María Casares
O Ano Internacional María Casares terá como remate un congreso internacional que contará coa participación dos más importantes estudosos e expertos da figura da actriz coruñesa. O encontro coincidirá coa celebración do centenario do seu nacemento, o día 21 de novembro.
O encontro, denominado 'María Casares, cen anos de vida', analizará os días 21 e 22 deste mes a figura de María Casares desde moi diferentes ópticas e perspectivas, abordando aspectos como a súa vida tanto na Coruña como no seu exilio en Francia, a súa traxectoria profesional no teatro e no cine e a súa memoria familiar. Debatiranse, ademais, temas como a memoria histórica ou exilio republicano.
A análise farase tamén a través de diferentes formatos, como conferencias, debates, lecturas dramatizadas, proxeccións ou sesións poéticas. Destaca neste sentido a estrea do documental de Xavier Villaverde, 'María Casares. A muller que viviu mil vidas', que terá lugar no teatro Colón o día 21, ás 21.00 horas.
O desenvolvemento deste encontro permitirá incorporar á cidade da Coruña ao circuíto internacional de especialistas sobre a figura da actriz. De feito, durante o congreso participarán tamén diversos museólogos e historiadores, así como representantes de diferentes casas-museos de Francia, como a dedicada a María Casares en Alloue.
O congreso, que inaugurará a alcaldesa, Inés Rey, comezará o día 21 e analizará a figura de María Casares durante a súa vida en Galicia, coa conferencia da actriz e ensaísta María Lopo. Durante o primeiro día participarán, entre outros expertos, Marion Chénetier-Alev, profesora de Estudos Teatrais da ENS de París, a directora da Maison Jean Vilar de Avignon, Nathalie Cabrera ou a codirectora da Maison María Casares, de Alloue, Johanna Silberstein,
O segundo día do congreso participarán tamén, entre outros, as actrices Sabela Hermida, Mabel Rivera e Esther Lázaro, o xornalista e escritor Alberto Ramos, os historiadores Emilio Grandío, Xosé Alfeirán e Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler, catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona e director do Grupo de Estudos do Exilio Literario (Gexel), que ofrecerá a conferencia de clausura 'María Casares e o exilio republicano de 1939'.
Todas as actividades incluídas dentro do encontro internacional serán gratuítas e de asistencia libre ata completar a capacidade e desenvolveranse na Casa Museo Casares Quiroga, agás a estrea do documental de Xavier Villaverde.
Con este encontro internacional remata a programación desenvolta polo Concello dentro do Ano Internacional María Casares para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Foron máis dun cento as actividades organizadas e promovidas polo goberno municipal para poñer en valor a figura dunha gran coruñesa e dunha das grandes figuras das artes escénicas e do mundo do cine e que tivo que sufrir as consecuencias do exilio.
Exposicións, estrea de películas e documentais, conferencias, charlas, poesía, actividades didácticas para escolares e nas bibliotecas municipais, difusión turística, presentacións de libros, visitas guiadas, podcasts, teatro, cine, postcrossing, encontros, rutas e outros actos e disciplinas leváronse a cabo durante este Ano Internacional María Casares, o que permitiu o recoñecemento de María Casares por parte da súa cidade natal e resaltar a importancia que tivo a súa figura para a cultura española e francesa.
Foi tamén unha celebración que colaborou a recordar e analizar un dos períodos máis cruentos e complicados da historia de España así como a importancia do exilio republicano xunto coas vivencias dalgúns dos seus principais protagonistas.
Presentación da novela gráfica 'María Casares.Eu son do océano'
Por outra banda, este martes, 15 de novembro, presentarase a novela gráfica 'María Casares. Eu son do océano', escrita por María Xesús Arias e que conta cos dibuxos de Carlos Sardiña. A presentación terá lugar a partir das 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga.
O debuxante Carlos Sardiña, o director de Radio Fene Radiofusión, Henrique Sanfiz, que colaborou na edición do libro, e o escritor Antonio Tizón participarán no acto que se levará a cabo unha semana antes do aniversario da actriz galega. A publicación, unha biografía de María Casares, está recomendada para o público infantil e supón a obra póstuma de María Xesús Arias, falecida no pasado mes de abril.
17 de mayo de 2024
16 de mayo de 2024
16 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible