27 de junio de 2022
A presentación, na que participará o autor, Fernando A. Fernández Domonte, será o martes 28 de xuño, ás 20.00 horas
O Aquarium Finisterrae da Coruña acollerá este martes 28 de xuño unha presentación literaria moi vencellada co mundo marítimo. Trátase do libro 'Contos da beiramar', do autor Fernando A. Fernández Domonte. O escritor explicará todos os detalles da súa obra a partir das 20.00 horas no Museo Científico Coruñés.
'Contos da beiramar', da Editorial Elvira, esgotou a súa primeira edición e xa se está a distribuír a segunda. O libro reúne catorce relatos nos que, nun galego fluído, moi próximo e cheo de retranca, cóntanse episodios protagonizados por mariscadoras, mariñeiros, funcionarios e mesmo algún taberneiro ou pescador furtivo, por veces sorprendentes, moi reveladores do que se coce na beiramar e que resultan do máis divertido.
De trece destes relatos pódese dicir que se axustan aos canons do xénero, pero o que completa o libro, ocupando a súa parte central, excede con moito as dimensións do que se podería considerar un conto. Consciente desta circunstancia o seu autor subtitulouno xa como "conto en sesión continua", e nel poden atopar os lectores toda unha crónica continuada e maxistral do que foi un conflito marisqueiro, salpicada de coloridos detalles -por chamarlles dalgunha maneira- só ao alcance de quen os viviu dende dentro e sabe do que fala.
Sobre o autor
Fernando A. Fernández Domonte é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. A súa vinculación profesional co mundo do mar data de 1983, cando se incorpora como responsable de comunicación á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, na que se integra como membro do equipo técnico; presta os seus servizos ata 1987, compatibilizando esta ocupación coa de redactor de RTVE. En 1988 deixa ambas as responsabilidades para facerse cargo da sección de información marítima e pesqueira do Diario de Galicia e, posteriormente, da mesma sección en Diario 16.
A finais de marzo de 1990 é nomeado xefe do Gabinete Técnico da Consellaría de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, posto no que permanece ata agosto de 2005. En setembro dese mesmo ano incorpórase como xefe da Unidade de Comunicación e Relacións Externas do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR).
É autor e coautor de numerosos traballos técnicos sobre pesca, marisqueo e acuicultura, entre os que cabe destacar "El proceso de adhesión de España a la Comunidad Económica Europea en la pesca" ou o "Plan de Ordenación dos Recursos Pesqueiros e Marisqueiros de Galicia". Tamén participou activamente na elaboración de boa parte da normativa pesqueira galega, especialmente na desenvolvida entre 1990 e 1994, lexislatura na que se promulgou a primeira Lei de Pesca e o Regulamento de Artes e Aparellos permisibles en Galicia.

18 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible