29 de septiembre de 2026
As sesións celebraranse os días 5 de outubro, 23 de novembro e 14 de decembro no Centro Sociocultural Ágora con entrada libre
O ciclo internacional de poesía Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño e impulsado polo Concello da Coruña, iniciará o vindeiro luns 5 de outubro a programación do primeiro trimestre da súa edición número 18 cun cartel que reunirá na cidade autoras e autores de Polonia, Colombia e Italia xunto a destacadas voces da poesía galega contemporánea.
As sesións celebraranse ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con entrada gratuíta ata completar capacidade. Ao longo dos próximos tres meses, o público poderá asistir a tres encontros poéticos que combinarán a participación de creadoras e creadores internacionais con representantes da poesía galega actual, unha das señas de identidade do ciclo desde a súa creación.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que "Poetas Di(n)versos é unha das iniciativas literarias máis prestixiosas da programación cultural da cidade e un exemplo do compromiso do Goberno de Inés Rey coa internacionalización da cultura e co apoio á creación poética galega". O edil lembrou que o ciclo "converte cada trimestre a Coruña nun punto de encontro para algunhas das voces máis relevantes da poesía mundial, ao tempo que ofrece unha plataforma de grande visibilidade para autoras e autores do noso país".
A programación arrancará o 5 de outubro cun encontro entre a poeta e narradora naronesa Ana Varela Miño e a autora polaca Krystyna Dąbrowska. Ambas, pertencentes á mesma xeración, achegarán dúas miradas poéticas que parten da experiencia cotiá para explorar cuestións universais como a memoria, a identidade ou a permanencia. Varela Miño, gañadora dos premios Francisco Añón e Gonzalo López Abente, é autora dos poemarios 'Asombrario' e 'Onde nacen as hedras', ademais da novela 'Runrún'. Pola súa banda, Dąbrowska é unha das voces máis recoñecidas da poesía polaca contemporánea, distinguida cos premios Wisława Szymborska, Kościelski e o Premio Literario da Cidade de Varsovia, cunha obra traducida a máis de vinte linguas.
Sesións en novembro e decembro
O segundo encontro terá lugar o 23 de novembro e reunirá á poeta colombiana Lauren Mendinueta e ao escritor lucense Xosé Miranda. A sesión xirará arredor da memoria, a identidade e a persistencia da paisaxe e dos territorios desaparecidos, a través de dúas traxectorias literarias de grande relevancia no ámbito hispanoamericano e galego. Mendinueta está considerada unha das voces máis destacadas da poesía hispanoamericana contemporánea e desenvolveu unha importante carreira literaria entre Colombia, España e Portugal. Xunto a ela participará Xosé Miranda, poeta, narrador e ensaísta cunha ampla traxectoria recoñecida con galardóns como os premios Xerais, García Barros, Merlín, Esquío ou Afundación.
O trimestre pecharase o 14 de decembro cun diálogo poético entre o italiano Loretto Rafanelli e a poeta e artista plástica Ánxeles Penas. O encontro permitirá achegar ao público dúas voces de longa traxectoria que reflexionan na súa obra sobre o paso do tempo, a memoria, a paisaxe e o silencio. Rafanelli desenvolveu unha destacada carreira como autor, editor e promotor cultural en Italia, mentres que Ánxeles Penas é unha das figuras históricas da poesía galega contemporánea, cunha obra recoñecida con numerosos premios e publicada tamén noutras linguas.
Poetas Di(n)versos está dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño e constitúe unha das iniciativas máis consolidadas da programación cultural municipal, combinando desde hai anos a participación de autoras e autores internacionais de referencia co impulso á creación poética galega contemporánea.

29 de septiembre de 2026

29 de septiembre de 2026

28 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible