29 de octubre de 2022
O ciclo, consolidado como a única cita estable que acolle poetas internacionais, permitirá coñecer este trimestre a poética de Suecia, A India e Portugal
O ourensán Pablo Otero e a sueca Ida Börjet ofrecerán un recital poético gratuíto este luns, 31 de outubro, ás 20 horas
O ciclo POETAS DI(N)VERSOS retoma a súa actividade e presentará este próximo luns unha mostra do mellor da poesía de Suecia e Galicia, coa presenza o luns 31 de outubro no Ágora do ourensán Pablo Otero e a sueca Ida Börjel.
Por décimo cuarto ano consecutivo reinaugúrase a coidada programación poética do Concello da Coruña. O ciclo que reúne mes a mes unha voz en galego a carón doutra do resto do mundo volve ao auditorio do Ágora este vindeiro luns 31 de outubro ás 20 horas, consolidado coma a única cita estable que acolle poetas internacionais de xeito regular en toda España.
Impulsado polo Concello e fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural compostelá-coruñesa Yolanda Castaño, POETAS DI(N)VERSOS volverá a presentar algunhas das máis interesantes poéticas mundiais a carón de autores e autoras en galego, permanecendo atento a novas correntes e amosando toda a diversidade lírica que se escribe hoxe no mundo. Chegarán, neste primeiro trimestre de outono, dende Suecia, A India e Portugal en outubro, novembro e decembro.
En concreto, o recital aberto e gratuíto que abrirá esta nova edición xuntará as voces dunha das últimas revelacións poéticas galegas, o ourensán Pablo Otero (1970), a carón dunha voz tan experimental e disruptiva dentro da poesía sueca coma a de Ida Börjel (1975), cultivadora da corrente coñecida como 'poesía documental'.
Pablo Otero leva 25 anos colaborando en proxectos editoriais e formatos culturais diversos: con poemas e libros de artista, cómic, revista infantil-xuvenil, guías didácticas, obra gráfica, poesía visual, catálogos de arte ou álbum ilustrado, pero o pasado ano sorprendeu o público e a crítica publicando en Apiario o seu primeiro poemario: "Darbo".
Residente en Malmö, Ida Börjel é unha multipremiada autora e tradutora que pescuda, analiza e á vez trata de representar os nosos condicionamentos tanto lingüísticos coma sociais contemporáneos en canto a diferentes formas de autoridade, soberanía e sistema xurídico. O seu último libro, de 'poesía documental', compúxose a partir de chamadas telefónicas dende a primeira liña rusa na Ucraína, procesadas pola autora. Na Coruña, os seus poemas soarán no sueco orixinal e tamén nas traducións que para o galego realizou a poeta Lorena Souto.
As seguintes citas serán o luns 7 de novembro e o luns 12 de decembro. A primeira delas reunirá a poeta india en lingua canaresa Mamta Sagar xunto á profesora e poeta Verónica Martínez Delgado: dúas poéticas atravesadas por unha marcada perspectiva de xénero chegadas dende Ferrolterra e o sur da India para tratar corpo e dignidade, alteridade e integración. Como remate do trimestre de outono e aínda que o ciclo continuará mes a mes ata xuño, as convidadas de decembro serán Filipa Leal e Nuria Vil: honestidade e carácter sempre están presentes na voz puxante e rebelde desta viguesa e na dunha das poetas portuguesas máis consagradas da súa xeración.

19 de diciembre de 2025

19 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible