1 de marzo de 2016
O responsable municipal, xunto con técnicos de urbanismo e infraestruturas do Concello, e membros da Concellería de Mobilidade Sostible, dispóñense a analizar polo miúdo a proposta de remodelación de Fomento
Xiao Varela indica que os datos de intensidade media diaria de vehículos que pasan pola AC-11 que manexa o Goberno local --e que proceden da DXT-- non coinciden cos do Ministerio de Fomento, polo que solicita un “estudo de tráfico máis detallado que contemple a apertura ao público do Vial 18, que podería rebaixar a afluencia de coches nuns 20.000”
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destacou hoxe que o Goberno local “ten agora que analizar polo miúdo a última proposta do Ministerio de Fomento sobre a remodelación da Avenida da Vedra”. Así o manifestou, cando aínda non pasou unha xornada da reunión que se produciu en Madrid entre representantes do Concello da Coruña e do Ministerio de Fomento, onde o departamento do Goberno central entregou á administración local o seu plantexamento con respecto ao vial de Alfonso Molina. Varela --ao igual que o alcalde, Xulio Ferreiro, fixo onte-- saudou o feito de que o ministerio “asuma a filosofía que sempre defendeu o Executivo municipal, que pasa por aceptar que estamos a falar dun vial eminentemente urbano, cuxa remodelación debe servir para integrar os barrios da súa contorna, non para separalos do resto da cidade”. Non obstante, o concelleiro destacou que os datos de intensidades medias diarias de tráfico que manexa unha e outra administración non son as mesmas. “Cremos que é necesario que se leve a cabo un estudo máis detallado sobre a afluencia de vehículos nesta vía, que contemple ademais as previsións de rebaixa, non só polo asentamento do funcionamento da AC-14 (Ronda do Deportivo), senón, especialmente, pola apertura ao público do Vial 18”, comentou.
Varela recordou que “os datos que contempla o Concello sobre as intensidades medias diarias de tráfico na Avenida da Vedra son os que ofrece a Dirección Xeral de Tráfico”, polo que a “súa veracidade non debería poñerse en cuestión”. As cifras que manexa o Goberno local indican que o volume medio diario de tráfico no vial entre os meses de xaneiro e febreiro deste ano é de 95.650 vehículos diarios, fronte aos 104.730 de hai un ano. Isto se traduce nunha rebaixa porcentual do 8,67%. “Esta diminución da intensidade media de tráfico é moi significativa para unha vía destas características”, salientou o concelleiro de Rexeneración Urbana, que insiste en que “o Ministerio de Fomento tamén tería que ter en conta a posta en funcionamento do Vial 18, que segundo as nosas previsións podería supor unha rebaixa adicional de 20.000 vehículos”.
Ademais, entre os meses de abril e outubro do pasado ano, coincidindo coa apertura da Ronda do Deportivo, a intensidade media diaria de tráfico en Alfonso Molina foi de 100.777 vehículos, fronte aos 112.724 do mesmo período do ano 2014, o que se traduce nunha diminución do 10,59%. “Hai que ter en conta, ademais, que sostemos que a Terceira Vía aínda non chegou ao máximo da súa capacidade, polo que nun futuro seguirá a contribuír á diminución da afluencia de tráfico na Vedra”, indicou o titular de Rexeneración Urbana.
Varela fai notar que o Ministerio de Fomento “debería de ter moi presentes estes datos”, á hora do deseño final da proposta de remodelación “dunha vía urbana crucial para o futuro da cidade”. Así, o concelleiro avanzou que no día de mañá está previsto que se leve a cabo unha xuntanza na que el mesmo participará, xunto ao responsable de Mobilidade Urbana, Daniel Díaz Grandío, e os técnicos municipais de Infraestruturas e Urbanismo para analizar o plantexamento do Ministerio de Fomento.
Tal e como se acordou na reunión de onte co Ministerio de Fomento, o equipo de Goberno do Concello da Coruña analizará durante este mes de marzo a proposta de remodelación de Alfonso Molina, sendo a intención do Executivo local “chegar a un entendemento que posibilite a posta en marcha dunha avenida humanizada, que sirva para integrar na cidade a todos os veciños e veciñas da contorna, non para separalos e que dea respostas ás problemáticas de tráfico da zona”.
“O modelo de mobilidade que persegue este Goberno local aposta por liberar a cidade da excesiva incidencia dos vehículos, que nun futuro sexa posible tanto entrar como saír do municipio en tempos competitivos sen ter que empregar o transporte privado. Este Concello aposta pola intermodalidade, pola reestruturación das liñas de transporte público, polas conexións metropolitanas, polo tren de cercanías, algo por certo do que se falou onte na reunión con Fomento. O proxecto final de remodelación que se leve a cabo debe ter en conta todo isto, debe ser unha aposta de futuro, non centrada en resolver unha problemática que nuns anos formará xa parte do pasado”, destacou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible