28 de julio de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que esta actuación dá cumprimento a un dos compromisos do Goberno municipal para achegar os servizos públicos aos barrios e facilitar a realización de trámites á cidadanía
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá á apertura da nova Oficina de Atención Cidadá de Novo Mesoiro, un servizo municipal que permitirá á veciñanza realizar trámites, presentar documentación e acceder á información municipal sen necesidade de desprazarse ata María Pita, o Ágora ou o Fórum Metropolitano.
A oficina prestará os mesmos servizos que os rexistros municipais xa existentes e dará cobertura ao Distrito 9, no que se integran os barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán, Obradoiro e parte da Zapateira. "A apertura desta oficina permítenos achegar os servizos municipais a unha zona da cidade que medrou de forma moi importante nos últimos anos e facilitarlles ás veciñas e aos veciños a realización das súas xestións cotiás", sinalou a alcaldesa, que estivo acompañada polos concelleiros José Manuel Lage, Nereida Canosa, Montse Paz e Juan Ignacio Borrego.
Rey explicou que Novo Mesoiro reúne as condicións idóneas para iniciar este proxecto, "por ser un barrio en constante crecemento, cunha ampla área de influencia, afastado do centro e con necesidades específicas derivadas tamén do avellentamento dunha parte da súa poboación". Neste sentido, destacou que un dos obxectivos desta iniciativa é "facilitar os trámites ás persoas maiores, ofrecéndolles atención e acompañamento presencial fronte ás dificultades que pode supoñer a dixitalización da administración".
A nova instalación é, ademais, a primeira da rede de Oficinas de Atención Cidadá que o Concello implantará progresivamente nos dez distritos censais da cidade. O proxecto nace con dous obxectivos: achegar a administración municipal aos barrios e facilitar o acceso aos servizos públicos, especialmente ás persoas que atopan máis dificultades para realizar trámites por medios dixitais.
"Esta primeira oficina marca o inicio dun novo modelo de atención de proximidade que iremos estendendo ao resto da cidade. Trátase de achegar a administración á cidadanía e de adaptar os servizos municipais ás necesidades reais de cada distrito", indicou Inés Rey.
A oficina manterá os mesmos horarios que o resto dos rexistros municipais. Abrirá de luns a venres de 8.00 a 14.00 horas en horario de inverno (do 16 de setembro ao 14 de xuño) e de 8.00 a 13.30 horas durante o período estival (do 15 de xuño ao 15 de setembro), con excepción da Semana Grande (do 3 ao 9 de agosto) que abrirá de 8.00 a 12.30 horas.
A primeira fase da rede de Oficinas de Atención Cidadá conta cun investimento municipal de 873.000 euros. No caso da oficina de Novo Mesoiro, o investimento supera os 87.000 euros, entre as obras de adaptación do centro cívico e os recursos humanos destinados ao servizo.
O barrio dos Mallos, seguinte paso na ampliación da rede de oficinas
Tal e como explicou a alcaldesa, Inés Rey, o Concello continuará coa implantación progresiva da rede de Oficinas de Atención Cidadá nos distintos distritos da cidade. A seguinte oficina abrirá no barrio dos Mallos durante o último trimestre de 2026 e dará servizo ao Distrito 4, dando continuidade a este novo modelo de atención de proximidade que achegará os servizos municipais á veciñanza en todos os barrios.
A posta en marcha desta rede forma parte da estratexia municipal para modernizar e mellorar a atención cidadá, que nos últimos anos incluíu tamén a renovación integral do Rexistro de María Pita, coa ampliación dos seus postos de atención; a supresión da cita previa obrigatoria; a creación da App Coruña; e a apertura da Oficina Municipal de Vivenda.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible