22 de septiembre de 2025
A Policía Local fará controis específicos sobre este tipo de vehículos durante as vindeiras dúas semanas
A Policía Local da Coruña porá en marcha hoxe unha nova campaña específica de control sobre o uso de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos. Trátase da segunda campaña de control que se pon en marcha nos últimos meses. A última, finalizada no mes de maio, rematou con 21 sancións rexistradas.
Durante esa última campaña, tramitáronse 13 sancións por uso de auriculares durante a condución, 5 por circular por zonas peonís, 2 por manexo do móbil e unha por realizar modificacións ilegais no vehículo. Estas condutas supoñen un risco real para a seguridade viaria e afectan directamente ao benestar das persoas usuarias da vía pública. O obxectivo da campaña non é outro que previr situacións de perigo e garantir unha convivencia segura entre todos os modos de desprazamento, co que se reforza o uso responsable dos espazos comúns da cidade.
Esta acción de control insírese no marco do Plan local de seguridade viaria, en desenvolvemento desde principios de ano, e supón un paso máis na consolidación dun modelo de mobilidade urbana que combina seguridade, accesibilidade e sostibilidade. A campaña coincide tamén coa aplicación da nova Ordenanza de mobilidade que establece as normas comúns de circulación para garantir unha correcta convivencia entre vehículos e persoas na cidade.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, salientou a importancia das campañas de control nun momento no que o uso da bicicleta está en plena expansión coa instalación de novas bases de BiciCoruña e coa renovación da flota: "Estamos ante un cambio cultural na forma de movernos pola cidade, e iso require tanto ofrecer alternativas reais como garantir que o seu uso sexa responsable e seguro. A resposta cidadá ao servizo de bicicletas é excelente, e seguiremos ampliando a rede e mellorando a convivencia no espazo público", dixo.
"A aposta decidida pola mobilidade sostible está a dar froitos visibles: máis persoas usuarias, menos emisións e unha cidade máis amable. Seguiremos traballando para que A Coruña sexa un referente en mobilidade urbana e calidade de vida", salientou Paz.
O cumprimento da normativa é esencial para garantir a seguridade: os vehículos que circulan polas beirarrúas poñen en perigo a peóns e peoas e o uso de dispositivos como auriculares minguan a capacidade de resposta das persoas condutoras e aumentan o risco de accidente, igual que o uso do móbil.

21 de noviembre de 2025

14 de noviembre de 2025

17 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible