21 de septiembre de 2026
O proxecto ofrecerá unha maior oferta lúdica para os nenos e nenas con novos e máis modernos elementos de xogo, mantendo a plena integración co conxunto da praza
O Concello adxuciou as obras de ampliación do parque infantil de praza de Pontevedra, cun investimento de máis de 374.000 euros. O proxecto ten como obxectivo non só a inclusión de novos elementos e equipamentos, senón tamén fomentar a creación dunha contorna de lecer e xogo que permita o desenvolvemento das habilidades motrices, sensoriais, sociais, emocionais e creativas dos nenos. Este proxecto forma parte do plan de mellora e expansión das áreas infantís que o Goberno de Inés Rey está a levar a cabo con grandes investimentos públicos.
"Estamos a desenvolver un plan global e moi ambicioso na cidade para ampliar e reforzar a rede de espazos públicos de lecer para nenos e nenas. Garantindo, ademais, unha oferta de xogo ampla a moderna, a creación de espazos adaptados, accesibles e seguros. Para iso, levamos a cabo cada vez máis investimento público e estamos en constante revisión das áreas infantís existentes para detectar posibles melloras", apuntou o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
O proxecto redactouse tamén tendo en conta todos aqueles elementos lindeiros a conservar, con especial atención aos exemplares de Magnolia grandiflora existentes na área, que xeran zonas verdes e de sombra moi beneficiosas para o parque en tempada estival.
Os obxectivos principais da intervención son aumentar a superficie útil da zona de xogos, incrementar o número de usuarios e usuarias proporcionado polos elementos de xogo instalados, xerando unha contorna atractiva para veciños e usuarios, a recuperación e adecuación do actual mobiliario do parque segudno o novo deseño da área e a mellora do axardinamento e os pavimentos lindeiros para garantir a integración da proposta exposta no interior da praza. En definitiva, a creación dunha nova área de xogos ampliada tanto en dimensións coma en equipamentos.
Tendo en conta que hai elementos de xogo que se atopan en bo estado de conservación e que presentan grande interese lúdico, exponse a súa conservación dentro do novo deseño do parque, acompañados de novos xogos que complementan a oferta proporcionada.
Entre as actuacións que se levarán a cabo están:
Estrutura de trepar combinada con tobogán
Outras estruturas de obstáculos e xogo
Estrutura de escalada e equilibrio
Randeeira de táboa para dous usuarios
Carrusel inclusivo
Bambán
Randeeira de péndulo
Estrutura multixogo con redes e tobogán
Resorte de xogo
Muro interactivo e inclusivo
O firme amortecedor renovarase completamente mediante a colocación dunha nova capa de caucho continuo. Na zona perimetral recolocarase o mobiliario existente na marxe para ampliar, preservando a integración do conxunto da zona no interior da praza. Ademais, acondicionarase a zona axardinada afectada e repoñeranse as áreas de pavimento dándolle continuidade aos acabados existentes.
Unha mellor rede de áreas infantís
O Concello ten completado ou en marcha a renovación, ampliación ou creación de numerosas áreas infantís e de esparexemento na cidade, con grandes investimentos como o parque tamén en marcha no Ventorrillo, que contará con cubertas para garantir zonas de sombra en verán e protección fronte á choiva o resto do ano e que forma parte do Plan de barrios 2025-2027 -que xa ten mobilizados máis de 83 millóns de euros en investimentos-.
Tamén en marcha están as obras do novo parque da praza de Portugal, un dos maiores investimentos do plan con máis de 1,3 millóns de euros para un proxecto que creará un gran complexo que mellorará o equipamento lúdico para a mocidade nunha zona emblemática da Coruña, nas proximidades de Riazor. Outro exemplo recente de actuacións en zonas de lecer infantís foi o xa finalizado parque do CEIP Concepción Arenal, coa incorporación de novos equipamentos de xogo, como unha torre multifuncional e bambáns, ademais do proxecto en marcha no parque Adolfo Suárez, que ven a complementar a gran urbanización de San Pedro de Visma para dotar á zona de máis e mellores servizos de cara aos desenvolvementos urbanísticos a grande escala desta zona.

19 de septiembre de 2026

15 de septiembre de 2026

14 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible