20 de febrero de 2020
Eva Acón, concelleira de Innovación, asistiu hoxe á presentación da exposición Os Benfeito e os ODS, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia e Mercadona
A concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Acón, asistiu esta mañá no Centro Cívico de San Diego á presentación da exposición Os Benfeito e os ODS, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia, UCGAL e Mercadona co obxectivo de dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e concienciar sobre a importancia de adoptar hábitos respectuosos co medio. A concelleira expresou o apoio do Concello a iniciativas que, coma esta, buscan concienciar dun consumo máis responsable.
A titular de Consumo destacou o compromiso do concello co consumo responsable como unha das principais vías para frear a deterioración do medio. "O concello está comprometido co coidado do medio ambiente; un compromiso que se estende por todas as concellerías", explicou Acón.
"Todo o que teña que ver coa sustentabilidade conta co apoio do Goberno local e desde a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), puxéronse en marcha distintos programas de difusión de consumo sostible, responsable e saudable", destacou.
Acón apuntou á educación e á información das persoas consumidoras como unhas das mellores ferramentas nesta transformación tan necesaria cara a un consumo responsable desde o punto de vista social e ambiental. Por iso, agradeceulles a UCGAL e Mercadona o labor que desenvolven. "Cada xesto importa, cada hábito que podemos integrar na nosa vida diaria conta. Desde a nosa aposta por envases que non utilicen o plástico e produtos de km0, a separar o noso lixo, a non malgastar a auga, a deixar o coche na casa e utilizar máis a bicicleta", sinalou. Neste sentido, a técnica da OMIC, Lidia Blanco, quixo resaltar que as nenas e os nenos "son os que mellores hábitos de consumo están a desenvolver".
No acto estiveron presentes Miguel López Crespo, secretario xeral de UCGAL e Carmen Fernández Vilas, directora de Relacións Externas de Mercadona. López Crespo sinalou que a mostra pretende dar unha visión dos hábitos que a cidadanía podemos adoptar nas nosas casas. "Incidir en oito obxectivos do desenvolvemento sostible que están máis próximos ás decisións particulares e familiares das persoas consumidoras", explicou. Aforro enerxético, aforro de auga, planificar as compras, controlar os desperdicios de alimentos, frear a cultura de mercar e non reciclar son algúns dos hábitos que as e os consumidores poden cambiar e que, na actualidade, están a facer moito dano no medio ambiente. "Estamos no bo camiño, pero aínda queda moito por percorrer", apuntou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible