Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

23 de julio de 2025

O obxectivo do Goberno municipal é que A Coruña conte nos próximos vinte anos (2045) cun 20% dos seus fogares adicados a vivendas de políticas sociais, revertindo así o déficit que ten a cidade actualmente

O Concello aproba o plan de medidas que aparella a declaración da zona residencial tensionada, con máis impulso á vivenda pública e mobilización das baleiras

A alcaldesa, Inés Rey, advertiu de que A Coruña necesita un total de 8.000 vivendas públicas ou protexidas para adaptarse á media europea

A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá da aprobación do plan de medidas específicas que se aplicarán ata o ano 2028 ao abeiro da declaración da zona de mercado residencial tensionado na Coruña, co obxectivo de mellorar a situación actual da cidade en materia de vivenda, "cun desequilibrio evidente fronte ao que xa estamos a actuar porque o acceso a unha vivenda digna e asequible é un dereito constitucional que cómpre respectar".

Tal e como explicou a rexedora, a aprobación deste paquete de medidas supón tamén o último trámite preciso para a entrada en vigor dos límites aos prezos do aluguer que establece a zona residencial tensionada. Cómpre lembrar que o abano de actuacións previstas foi exposto na mesa sectorial de vivenda a semana pasada. Agora, tras recibir luz verde da Xunta de Goberno Local, será remitido á Xunta e ao Ministerio para a súa validación e entrada en vigor das medidas recollidas na Lei de Vivenda.

A Coruña conta, a día de hoxe, cun parque de vivenda pública -en propiedade pública ou de xestión municipal- de máis de 870 vivendas. A metade delas, propiedade do Concello ou xestionadas por EMVSA. As demais, polo IGVS. A realidade actual é que hai 3.761  demandantes de vivienda pública na cidade -datos oficiais do 15 de xullo- "o que deixa claro que a oferta é totalmente insuficiente, e isto ten as súas causas: falta de promoción de vivenda pública nos peores anos da crise, crecemento descontrolado das VUT e ausencia de medidas ata o ano 2019 para intervir nos edificios en ruínas ou inacabados", dixo Rey.

Todo isto, nun contexto no que o esforzo financieiro das familias foi á alza ata o punto de que máis dun 30% dos ingresos mensuais vanse no pago do alugueiro, segundo estiman os informes técnicos municipais. "Iso non é sostible, afoga á cidadanía e diminúe a súa calidade de vida", apuntou Inés Rey.

Catro bloques de medidas, coa vista posta no ano 2028

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, detallou polo miúdo o paquete de medidas que aplicará o Concello, divididas en catro bloques: fomentar a promoción de máis vivenda pública e protexida; actualizar e adaptar o marco regulador e dar un pulo ás actuacións no parque residencial da cidade; impulsar axudas de rehabilitación e mobilización das vivendas baleiras; e fomentar a colaboración interadministrativa para facer un seguimento das medidas e valorar accións sobre a marcha.

Como recalcou Díaz Gallego esta mañá, hai medidas dentro destes catro bloques que xa están en marcha. Por exemplo, a construción de vivenda pública (as 55 de Xuxán e Marqués de Pontejos), ben con fondos propios ou captados polo Concello. Tamén a cesión de solo municipal a cooperativas e promotoras relacionadas co terceiro sector, que recibiu un pulo na pasada Xunta de Goberno, abrindo camiño á creación de 130 novas vivendas de alugueiro asequible. E ademais, a mobilización de solo propio que o Concello cede ao IGVS para facilitar a construción doutro cento de vivendas públicas nos Rosales, a praza da Porticada e Pedro Fernández, na Pasaxe. O concelleiro explicou que tamén se valora a constitución dun Banco Municipal de Vivendas destinadas ao alugueiro social. 

"Facemos isto porque A Coruña está moi por debaixo da media europea de 3,2 vivendas sociais por cada 100 habitantes. Para equipararnos con ela, necesitaríamos un total de 8.000 vivendas públicas ou protexidas na cidade", precisou.

A ordenación das VUT, fundamental

Díaz Gallego apuntou que outro dos eixos clave estará na modernización dos marcos normativos vixentes. "Vimos de aprobar no Pleno a nova ordenanza VUT. En primeiro lugar, porque reducía o número de vivendas dispoñibles para aluguer e, ademais, porque satura e incrementa os custos para a prestación de servizos municipais".

Ademais, o Concello ten en marcha o Plan Municipal de Recuperación de Ruínas, que contempla sacar a poxa pública forzosa os inmobles nos que as persoas propietarias incumpran as súas obrigas en materia de conservación e rehabilitación. "Xa hai inmobles con licencia para rehabilitar, en San Andrés, por exemplo", indicou o concelleiro.

E ademais, está previsto mobilizar as vivendas baleiras da cidade a través da EMVSA, mediante a súa cesión por parte dos particulares para facilitar alugueiro asequible. Estímase que hai uns 19.000 inmobles nesta situación na cidade.

Fomentar a incorporación das vivendas baleiras ao mercado de aluguer

Nesta liña de acción, o Concello tamén prevé que as futuras convocatorias de axudas municipais de rehabilitación e accesibilidade estén directamente vinculadas ao fomento de vivendas de alugueiro asequible e a incorporación ao mercado de aluguer de vivendas baleiras. Ademais, fomentarase o aluguer de vivendas desocupadas e baleiras coa oferta de axudas directas para o pago de pólizas de seguro de impago e multirrisco.

A maiores, tal e como apuntou o concelleiro, "estudiaranse posibles bonificacións fiscais para as vivendas vacías que se incorporen ao mercado de alugueiro asequible".

A regulación do prezo de aluguer

Ademais, o Concello acometerá a creación dun rexistro de demandantes de vivenda de alugueiro social na cidade, en paralelo á regulación do prezo do aluguer. Tal e como explicou Francisco Díaz Gallego, "nos novos contratos de arrendamento de vivenda nos que o inmoble se ubique nunha zona de mercado residencial tensionado, a renda pactada non poderá exceder da última renda do contrato de arrendamento de vivenda habitual suxeito á Lei, que houbese estado vixente ao longo dos últimos cinco anos na mesma vivenda".

Obxectivo: un 20% de vivendas de políticas sociais no ano 2045

Francisco Díaz Gallego subliñou que algunhas das iniciativas expostas hoxe xa están en marcha e, noutros casos, "se irán implementando ou desenvolvendo neste marco temporal que temos previsto ata o ano 2028".

Todo isto, cun obxectivo claro: que tanto estas medidas específicas como o desenvolvemento das previsións do PXOM (con iniciativas activas en polígonos como Visma e Someso, entre outros) permitan que A Coruña conte nos próximos vinte anos (2045) cun 20% dos seus fogares adicados a vivendas de políticas sociais, revertindo así o déficit que ten a cidade a día de hoxe.

Luz verde á actualización do recibo do lixo

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á actualización da ordenanza fiscal que regula a recollida do lixo, unha medida necesaria para adaptarse ás directrices da Unión Europea en materia medioambientalm, que esixe repercutir o custe do servizo ao usuario. 

"A meirande parte dos concellos galegos foron actualizando ao longo deste ano as súas tarifas da recollida de residuos, precisamente para axustar os seus cánons ao regulamento aprobado por Bruxelas", explicou Inés Rey.

No caso da Coruña, os fogares están a pagar 62 euros ao ano. Coa adaptación prevista, que se aplicaría a partir do ano que vén, o Concello aplicará un novo modelo que consistirá nunha cantidade fixa e unha cota variable en función do consumo da auga e do roteiro de recollida determinado conforme ao contrato de lixo en vigor. Estas variables inclúense para que as familias con menos membros -e, polo tanto, con menor produción de residuos (o que se estima en base ao consumo de auga)- paguen menos, do mesmo xeito que aquelas rutas máis sinxelas que usen menos maquinaria pagarán menos tamén buscando un maior equilibrio entre a xeración de residuos e a repercusión xusta do seu custe.

No ano 2026, esta cantidade fixa será de 60,98 euros, á que se sumará un variable en función dos metros cúbicos de auga consumidos mensualmente. Tanto a cantidade fixa como a variable irán experimentando actualizacións progresivas ata o ano 2028, para que a tarifa a recollida de residuos na cidade se adapte á normativa da UE tal e como están a facer todos os municipios do país.

"Facéndoo así, con esta transición suave que mantén máis estable a cantidade fixa, tentamos evitar un impacto directo nas economías familiares e, de paso, ir concienciando á cidadanía sobre a importancia de coidar os nosos recursos hídricos e fomentar o aforro de auga. Recalco novamente que non estamos a impor unha medida illada, senón unha normativa ditada por Bruxelas e á que é preciso adaptarse, tanto por compromiso coas políticas medioambientais como polo feito de que a non actualización das tarifas, obviamente, acarreará sancións aos concellos de máis de 5.000 habitantes que non actualicen as súas cuotas", razoou Rey.

Cidades moi parecidas á Coruña en termos de poboación, como Xixón, xa aprobaron tamén esta subida. No caso da urbe asturiana, subírona un 25%. Hai que salientar que A Coruña partía como a cidade co recibo do lixo máis baixo de Galicia, cunha recadación que non cubría a metade do custe do servizo.

"Malia esta actualización que hoxe aprobamos, o recibo do lixo segue a ser mais baixo que en moitos concellos da nosa contorna e noutras cidades galegas. Con esta actualización a media que pagará un fogar da Coruña estará no ano 2026 na contorna dos 80 euros e no 2027, 90 euros anuais, moi por debaixo, insisto, dos concellos da nosa contorna e do resto de cidades", dixo. Nos concellos do cinturón coruñés a tarifa vixente é de case 170 euros ao ano, moi por enriba da cota que pagarán os fogares coruñeses.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión