15 de septiembre de 2021
Inés Rey: “O documento procura aumentar a eficacia da xestión pública e da acción social na Coruña". O plan, trienal, está dotado con 32,5 millóns de euros e fixa obxectivos estratéxicos e sistemas de avaliación do investimento público.
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a aprobación do primeiro Plan Estratéxico de Subvencións da súa historia, un plan que vén a ordenar e racionalizar as achegas públicas ás entidades e investimentos de interese social. O novo plan, explicou, define os eixes xerais de actuación a seguir nas distintas liñas de subvencións, coordinando as accións nese ámbito co resto de políticas desenvoltas polo Goberno local. "O documento busca aumentar a eficacia da xestión pública e da acción social na Coruña", dixo.
Co Plan Estratéxico de Subvencións da Coruña (PESCC) búscase fomentar a actividade pública de interese social, potenciar a transparencia e a publicidade, dar coherencia aos obxectivos estratéxicos marcados polo Goberno, optimizar os recursos, racionalizar e simplificar os procedementos e permitir a avaliación efectiva dos resultados.
Os obxectivos a seguir coas distintas liñas de axudas irán en consonancia coa programación orzamentaria, cos obxectivos de desenvolvemento da Axenda 2030 de Nacións Unidas e cos da Axenda Urbana Europea e a propia Axenda Urbana da Coruña. "Trátase de que a política orzamentaria funcione dentro dunha coherencia, o que redundará en que sexa moito máis eficaz", indicou Inés Rey.
O plan ten carácter trienal, e cada ano concretaranse as liñas estratéxicas nun Plan Operativo. Ademais, unha mesa técnica velará polo control e avaliación das actuacións levadas a cabo, permitindo así coñecer a efectividade do investimento público e contribuíndo a mellorar e reorientar as políticas municipais en cada ámbito.
O PESCC recompila e ordena todas as subvencións outorgadas polo Concello, que ascenden a 32,5 millóns de euros, a través de 292 liñas distintas, cantidade que inclúe as subvencións nominativas e, este ano de xeito excepcional, o PRESCO.
Rede de bibliotecas
Doutra banda, adxudicouse o contrato de servizos bibliotecarios á rede de bibliotecas municipais a LTM Servicios Bibliotecarios por un valor de 2.704.350 euros e un prazo de dous anos prorrogables por outro ano mais.
Deste xeito, explicou Rey, regularizamos un servizo que levaba funcionando con prórrogas e sen solucións desde o ano 2016. "Este contrato responde ao noso compromiso cos servizos culturais da cidade, xa que pon fin á situación de interinidade da rede municipal de bibliotecas e garante o seu futuro coa subrogación de 65 traballadores", sinalou.
A empresa comprométese a realizar 120 horas anuais para formación das persoas usuarias sobre o funcionamento dos centros e 15 horas semanais para as seis direccións. O contrato potenciará os recursos das bibliotecas municipais, fomentará a lectura e sumará as novas tecnoloxías, adaptándose a rede ás necesidades actuais e ás novas formas de acceso á cultura que demanda a cidadanía.
Bonos PRESCO
A alcaldesa lembrou que desde hoxe a cidadanía pode descargar os Bonos PRESCO "para os que xa contamos con máis de medio milleiro de empresas e servizos adheridos".
Rey sinalou que por segundo ano, o Goberno local fai un esforzo para destinar preto dun millón de euros a esta iniciativa que como novidade e tras o éxito do ano pasado poremos en marcha 5 tipos de bonos (comercio, hostalería, salóns de peiteado e estética, taxi e cultura) e que permitirán a cada cidadán e cidadá dispor de 135 euros para consumir neste tipo de establecementos ou servizos.
O ano pasado esta iniciativa permitiu mobilizar vendas na cidade por valor de 3,6 millóns de euros e esperase que este ano tamén sirvan como revulsivo á compra no comercio local, á utilización do taxi e ao consumo na hostalería.
Básquet Coruña
Por outra parte, a alcaldesa avanzou que nunha mostra máis do compromiso do Goberno local co deporte base da cidade, o Concello asinará un convenio de colaboración co Club Básquet Coruña para contribuír ao financiamento do fomento das actividades deportivas cunha achega de 100.000 euros.
A alcaldesa sinalou que desde o Concello se aposta por todos os deportes investindo na mellora das instalacións e nos convenios coas entidades deportivas da cidade co fin de potenciar un dos nosos grandes recursos que é o deporte.
"A Coruña é sinónimo de deporte, e proba diso son os máis de 3 millóns e medio de euros que este Goberno local destinou no que vai de ano ao deporte na cidade a través da mellora das infraestruturas, concesións de bolsas deportivas, subvencións e convenios con entidades", destacou.
E, por último, concedeuse a Cruz Vermella unha subvención de 89.000 euros, destinada a financiar o servizo de urxencias sociais que nos permitirá darlle unha resposta inmediata ás persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible