26 de septiembre de 2026
Cun investimento de máis de 700.000 euros, esta actuación mellorará e renovará as instalacións da zona sur do complexo para garantir unha maior comodidade para as persoas usuarias
O Concello avanza coa adxudicación da segunda fase do proxecto (zona sur do complexo) de reforma integral dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, que supón un investimento adicional na zona de case 700.000 euros e que se sumará aos traballos xa en marcha da primeira fase (un proxecto de máis de 850.000 euros).
O proxecto permitirá sumar dous novos vestiarios para equipos na zona de intervención mediante unha reordenación dos espazos. Esta relocalización xeral contará con tres liñas de distribución, unha para os inodoros e lavabos, outra para os vestiarios, que verán ampliada a súa capacidade, e unha terceira liña para a zona de duchas.
Tras estas renovacións levarase tamén a cabo unha renovación dos acabados, escollendo materiais de gran resistencia que minimicen, na medida do posible, as necesidades de mantemento no futuro. Así mesmo, dotarase de climatización e renovación de aire ás estancias.
Para realizar a mellora enerxética do edificio disporase dunha fachada ventilada, colocando un illamento térmico e renovando todas as carpintarías exteriores para seguir mellorando a envolvente térmica do conxunto. Realizaranse tamén melloras sobre a cuberta, coa limpeza a impermeabilización das baixantes.
En definitiva, mantendo a volumetría actual do inmoble, buscarase unha redistribución de espazos que contribúa a un aproveitamento máis eficiente. Esta redistribución traerá asociada unha renovación completa dos distintos acabados e instalacións existentes, así como a incorporación de todas as melloras necesarias para garantir o confort dos usuarios.
Un impulso ás instalacións deportivas
O Concello ten previsto efectuar un investimento de 1,6 millóns de euros nos vindeiros dous anos para reforzar o servizo de conservación e mantemento das instalacións deportivas na cidade, unha medida clave para garantir o coidado diario dos recintos a través dun novo contrato de mantemento, xa adxudicado.
Este investimento permitirá brindarlle unha atención continua e integral ás diversas instalacións deportivas nas que o Concello ostenta a titularidade. No conxunto da cidade, son case un cento: entre elas, o Palacio dos Deportes de Riazor, os pavillóns polideportivos municipais, a Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias e os campos de fútbol Víctor Fernández Alonso, o de Eirís e os de San Pedro de Visma. O novo contrato inclúe tamén a colocación de liñas de vida ou sistemas de seguridade para traballos en altura nos pavillóns polideportivos, sen custo repercutido para o Concello.
"Este plan reforza a folla de ruta ideada polo Goberno de Inés Rey con respecto aos equipamentos deportivos, complementando os investimentos graduais que se están a executar, de forma progresiva", indicou o cooncelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Recentemente tamén se levou a cabo a renovación do céspede artificial dos campos de fútbol de San Pedro de Visma, unha actuación que se sumou a outras completadas polo Concello como a do campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma, onde o Executivo local efectuou, en dúas fases diferenciadas, a renovación do céspede artificial e tamén actuacións para facer totalmente accesibles as bancadas e os vestiarios, onde tamén se actuou para renovar as instalacións de fontanaría e subministro de auga quente.

4 de agosto de 2026

6 de julio de 2026

30 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible