23 de abril de 2025
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a concesión dunha licenza para construír 60 novas vivendas no barrio de Xuxán
A Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente a cesión gratuíta de catro parcelas de titularidade municipal ao IGVS, polo que se abre camiño así á construción de máis vivenda de promoción pública na cidade.
"Como xa anunciamos a inicios de febreiro, cando lle demos luz verde a esta medida, estes catro soares están situados nos Rosales, no Ensanche e no lugar de Pedro Fernández, na contorna da Pasaxe. Por medio desta cesión, o que facemos é facilitar a creación de 120 vivendas protexidas que contribuirán a incrementar o parque residencial en réxime de alugueiro, unha das principais necesidades que temos na Coruña en materia de vivenda", explicou a alcaldesa, Inés Rey.
Tal e como informou semanas atrás o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, a previsión do Concello é que 70 destas 120 vivendas de promoción pública se constrúan nos Rosales; entre 35 e 40 no lugar de Pedro Fernández; mentres que na contorna da praza da Porticada se estima que sería posible construír 15 vivendas.
Licenza para construír 60 novas vivendas no barrio de Xuxán
Ademais, dándolles continuidade aos asuntos de vivenda, a Xunta de Goberno Local tamén concretou a concesión de licenza que habilitará a cooperativa Galivivienda a construír outras 60 vivendas en Xuxán. Xa o mes pasado, o Concello autorizou precisamente a Galivivienda a construír 50 novas vivendas, tamén en dous soares edificables en Xuxán, que se destinarán a alugueiros sociais.
"Agora, damos un paso máis no pulo ao desenvolvemento residencial do barrio, facilitando a construción de 60 vivendas máis na parcela Z-35, nun edificio que tamén contará con rochos, locais comerciais e garaxe. O investimento previsto pola cooperativa é de 2,1 millóns de euros e o prazo de execución para completar as obras é de 36 meses", detallou a alcaldesa.
Recuperación de dous soares edificables na rúa Buenavista, no barrio dos Castros
No apartado de licenzas tamén destaca, como expediente particular, a concesión de licenza para facilitar a demolición de dous edificios en ruínas situados na rúa Buenavista, nos Castros. Inés Rey detallou o contexto desta medida, "que permitirá rematar cun foco de insalubridade no barrio e dará resposta a unha demanda veciñal que se remonta a hai máis dunha década".
Ademais, no referente ás medidas que está a executar o Concello para recuperar soares abandonados e edificables nos diversos barrios da cidade, tamén se aprobou hoxe a concesión dos permisos necesarios para a construción de vivendas nunha parcela da rúa Coronel Cerviño, en Monte Alto.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible