21 de noviembre de 2023
O Goberno de Inés Rey dará forma a un pequeno bulevar que conectará as prazas Oito de Marzo e José González Dopeso, con prioridade peonil, mais habilitado para o paso de vehículos en dirección á Cubela
Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade comercial antes e durante o Nadal, os traballos comezarán no treito máis alonxado da rúa Alcalde Marchesi e o acceso á peonil da Gaiteira
O Concello ten previsto iniciar esta semana as obras para a reurbanización da rúa Ponte, que conecta a rúa Alcalde Marchesi coa praza da Cubela, entre os barrios de Catro Camiños e A Gaiteira.
Os traballos, promovidos pola Concellaría de Economía e Planificación Urbana a través do servizo municipal de Infraestruturas, suporán, a grandes rasgos, a remodelación completa da rúa Ponte para que pase a estar disposta en formato de plataforma única, con pavimentos diferenciados nas beirarrúas -que se ampliarán para facilitar o tránsito das e dos peóns- e a calzada.
Desta forma, coas melloras previstas na rúa Ponte, o Goberno de Inés Rey dá un paso máis cara a finalización da rolda Peonil, que prevé conectar o parque de San Diego, na contorna dos Castros, co futuro parque do Observatorio, no barrio da Agra do Orzán.
Sumando o treito peonil da rúa Ponte necesario para conectar a peonil da Gaiteira con Alcalde Marchesi, serán algo máis de 2,5 quilómetros consecutivos de percorrido para as e os peóns entre o parque de San Diego e o final de Ramón Cabanillas, pasando por rúas onde o Concello xa acometeu peonalizacións de carácter total ou parcial en anos previos: Alcalde Marchesi, Puga y Parga, Mariscal Pardo de Cela, Oidor Gregorio Tovar, Santander e a propia rúa de Ramón Cabanillas.
O concelleiro de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, destacou os avances da rolda Peonil, "unha iniciativa que permite darlle continuidade ás políticas de humanización e mobilidade sostible promovidas polo Goberno de Inés Rey, que poñen as persoas como prioridade no desenvolvemento da paisaxe urbana". Lage subliñou, ademais, que "este plan para a rexeneración dos espazos públicos da Coruña terá continuidade no vixente mandato con actuacións como a que agora poñemos en marcha na rúa Ponte e tamén coa que comezará en San Andrés".
A obra, dividida en dúas fases: a primeira desde a contorna da Cubela
Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade comercial antes e durante as datas de Nadal, os traballos na rúa Ponte darán comezo no sector oeste, na contorna da praza da Cubela, polo que as actuacións no sector leste -o máis próximo á rúa Alcalde Marchesi e ao acceso á peonil da Gaiteira- se levarán a cabo nunha segunda fase.
En primeira instancia, levaranse a cabo traballos para a ampliación e renovación da beirarrúa lindeira ao pavillón polideportivo do CEIP San Francisco Javier, onde tamén se dará forma a un novo paso peonil elevado para reforzar a seguridade dos transeúntes na conexión entre a praza da Cubela e a pista de patinaxe de Elvira Bao Maceiras.
As obras continuarán, posteriormente, no treito da rúa Ponte onde conflúen as prazas Oito de Marzo e José González Dopeso. Neste enclave, e xa en formato plataforma única, darase forma a un pequeno bulevar onde calzada e percorridos peonís fusionaranse nun pavimento axedrezado de cores grises. As árbores e o mobiliario urbano que se disporá nesta nova superficie delimitarán o espazo central previsto para o tránsito de vehículos, mais a prioridade de circulación será eminentemente para as e os peóns. A este respecto, co obxectivo de promover o calmado do tráfico rodado, disporanse ramplas no acceso e saída desta superficie.
A segunda fase, ata a conexión con Alcalde Marchesi
O plan de obra que contempla o Concello estima que a segunda fase de traballos implicará a renovación integral das dúas beirarrúas da rúa Ponte no treito que vai cara a Alcalde Marchesi. Tamén está prevista unha intervención para naturalizar este percorrido plantando unhas dez árbores.
Ademais, dando continuidade a actuacións xa executadas previamente nos barrios da cidade, o Concello disporá en todos accesos aos pasos peonís da contorna un pavimento con lousa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.
Os traballos en dirección a Alcalde Marchesi tamén suporán que a rúa Ponte pasará a ser integramente de sentido único. Coa finalidade de reforzar a seguridade viaria cara á peatonal da Gaiteira e facilitar, ademais, o tránsito do tráfico rodado, o acceso á rúa Ponte desde a rúa Petín pasará a estar habilitado só á esquerda -actualmente, os vehículos tamén están autorizados a virar á dereita, en dirección á rotonda de Alcalde Marchesi-.
Esta medida, avaliada previamente polo servizo municipal de Mobilidade, adoptarase co obxectivo de aliviar, en termos de circulación, o tránsito actual na contorna da rotonda de Alcalde Marchesi. Ademais, desta forma, o Concello continuará uniformando o rueiro entre A Gaiteira e A Cubela, onde o Goberno de Inés Rey xa levou a cabo intervencións con anterioridade nas rúas Rianxo e Petín, ampliando os espazos peonís e promovendo a circulación rodada dos vehículos en carrís de sentido único.
Traballos sobre a propia rotonda de Alcalde Marchesi
A reurbanización da rúa Ponte completarase coas melloras previstas nas inmediacións da rotonda de Alcalde Marchesi.
En primeiro lugar, acometerase a remodelación dos accesos á peonil da Gaiteira. Neste punto, a plataforma única será semellante á existente na rúa río Monelos: coa calzada e os percorridos peonís ao mesmo nivel, haberá un treito central ideado para a circulación de vehículos -que accederán desde a rotonda a través dunha rampla en elevación-, mentres que as beirarrúas ampliaranse para facilitar o tránsito das persoas.
A maiores, tamén se executarán obras para reducir o diámetro actual da rotonda entre as rúas Alcalde Marchesi e Posse, adaptándoa á realidade actual da contorna e facilitando, así, que se gañen os espazos necesarios para a ampliación das beirarrúas sen que isto supoña un prexuízo para a circulación dos vehículos.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible