12 de junio de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe as melloras executadas. Renováronse 4.700 metros cadrados de espazos públicos: novos pavimentos na beirarrúa e a calzada, e sumando máis árbores
O Concello avanza coa primeira fase do Plan de barrios 2025-27 e completa dúas novas intervencións de mellora nos barrios de Elviña e na Falperra, onde xa se concretaron as últimas tarefas correspondentes á reurbanización das rúas Rafael Alberti e Antón Vilar Ponte.
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá as actuacións executadas, que supuxeron un investimento superior aos 780.000 euros no seu conxunto. Estas actuacións abordáronse atendendo ás demandas veciñais e consensuando coas asiciacións veciñais e as persoas residentes as súas posibles necesidades. A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, e por representantes veciñais e residentes no barrio.
A filosofía de traballo que se seguiu en Rafael Alberti e Antón Vilar Ponte foi semellante, aínda que tendo en conta as circunstancias propias de cada unha das rúas: en ambas aproveitouse o ancho previo da calzada para ampliar a superficie peonil nas beirarrúas -modernizando tamén o seu pavimento- e, desta forma, mellorar a súa accesibilidade. Ademais, tamén se renovou a superficie do firme e sumáronse novos exemplares de arboredo para reverdecer e osixenar máis as dúas rúas.
Actuacións nas áreas axardinadas de Rafael Alberti para evitar filtracións
A reurbanización da rúa Rafael Alberti supuxo a remodelación de 3.350 metros de superficie, que tamén permitiu reconfigurar a distribución das áreas axardinadas, para evitar filtracións nos garaxes da zona.
Isto sumouse a unha actuación previa que o Concello xa completou o ano pasado na mesma rúa, coa creación dun pequeno espazo biosaudable que reforzou os equipamentos públicos ao aire libre nesta parte do barrio.
Unha rúa Antón Vilar Ponte máis accesible e con mellores pavimentos
No caso de Antón Vilar Ponte renováronse 1.300 metros cadrados de superficie, con espazos peonís máis accesibles e, ademais, máis árbores ao longo da rúa.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no traballo de continuidade que está levando a cabo o Executivo local no conxunto do barrio, onde se renovou recentemente a súa pista deportiva e, en paralelo, avanza a execución das obras para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía, inmerso actualmente nunha nova fase de traballos: a cimentación e construción da nova estrutura do edificio que acollerá o centro de saúde e os demais equipamentos públicos alí previstos.
En marcha os traballos en Arquitecto Rey Pedreira e Archer Milton
Tras a finalización das obras de mellora en Rafael Alberti e Antón Vilar Ponte, o Concello focaliza agora os seus esforzos en novas actuacións que xa están en marcha en barrios como Labañou, Monte Alto e a contorna do Peruleiro. Desde esta semana xa está en execución a reordenación da rúa Archer Milton Huntington, que permitirá gañar 30 novas prazas de estacionamento gratuíto no barrio de Labañou; e, en paralelo, xa son visibles os traballos de humanización da rúa Arquitecto Rey Pedreira, que conecta a rolda de Outeiro co paseo de Rolda.
En Ángel Rebollo, onde as obras xa están nunha fase máis avanzada, o Concello ten previsto efectuar un investimento de 1,5 millóns de euros para actuar sobre o conxunto da rúa e mellorar a súa calidade urbana. En total, o Plan de Barrios avanza con 76 millóns de euros en obras xa executadas ou en proceso.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible