11 de junio de 2025
Esta iniciativa pioneira permitiralle á autora desenvolver un proxecto poético sobre desexo, natureza e maternidade durante o mes de agosto
O Concello da Coruña, acaba de resolver a convocatoria da súa primeira Residencia de Conciliación para Nais Escritoras (ou principais coidadoras). A autora seleccionada foi Francesca Cricelli, poeta, tradutora e investigadora italobrasileira, que residirá na cidade durante o mes de agosto para traballar no seu proxecto Interspecies Intimacies.
A proposta estrutúrase en dúas seccións: 'Erótica Planetaria', sobre a dimensión libidinal das relacións ecolóxicas, e 'Maternidade Natural (Un bestiario irónico)', unha exploración lírica da experiencia materna a través do prisma da etoloxía animal. O comité de valoración destacou a calidade literaria, o enfoque innovador e a integración explícita de perspectiva de xénero e ética dos coidados como elementos centrais da proposta.
A residencia inclúe estadía na Residencia Literaria 1863, gastos de desprazamento, manutención e un servizo municipal de conciliación para unha menor. A iniciativa ten como obxectivo facer compatible a creación literaria coas responsabilidades de coidado, facilitando espazos e tempos para o desenvolvemento creativo de nais escritoras ou principais coidadoras.
O proceso de avaliación contou coa participación de profesionais da Residencia Literaria 1863, do persoal técnico da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación e dunha entidade literaria de referencia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), garantindo así a diversidade de criterios e a transparencia na selección.
Francesca Cricelli (São Paulo, 1982) publicou varios libros de poesía en portugués e en edicións bilingües, con tradución ao italiano, castelán, inglés e islandés. Doutora en Literatura Moderna e Tradución pola Universidade de São Paulo, reside en Reykjavík e investiga na actualidade sobre representacións da maternidade na literatura contemporánea. Tamén é tradutora de autoras como Elena Ferrante, Igiaba Scego e Halldór Laxness.
Coa resolución desta convocatoria, o Goberno de Inés Rey e a Residencia Literaria 1863 consolidan este novo proxecto que nace dende o compromiso coa igualdade, a conciliación e a posta en valor da creación literaria como dereito e ferramenta de transformación social.

16 de noviembre de 2025

26 de octubre de 2025

18 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible