29 de octubre de 2025
Ademais, o Goberno local actualizou catro ordenanzas fiscais incorporando melloras de xestión e novas normativas sen incrementar tarifas, na liña anunciada por José Manuel Lage de conxelar taxas e tributos no 2026
O Concello aprobou diferentes melloras para o servizo municipal por 1,3 millóns de euros, incluíndo a ampliación do parque de Agrela
O Concello da Coruña aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local o proxecto de ordenanza fiscal reguladora das contribucións especiais, que permitirá acometer diferentes melloras no servizo municipal de Bombeiros. "Desde o Goberno de Inés Rey atendemos as demandas deste servizo, comprometéndonos a modernizar os seus equipos e dotalos de novos espazos e actualizar os actuais", indicou José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica.
Entre as melloras do servizo de Emerxencias atópase a adquisición por un valor de 700.000 euros dun novo posto de mando móbil para a xestión de emerxencias e grandes eventos. Isto permitirá dispoñer da última tecnoloxía para eventos organizados polo Concello, como é o caso do San Xoán. O equipamento que se adquirirá mellorará o actual dispositivo que se sitúa na coiraza e que permite controlar en tempo real as praias, o que garante a seguridade de máis de 150.000 persoas cada ano.
Outro dos investimentos que se destinarán ao servizo de Bombeiros será a ampliación do edificio do parque de Agrela para a reubicación dos servizos administrativos. Dito proxecto suporá un investimento de máis de 470.000 euros. Ademais, adaptarase o parque móbil ás novas ferramentas conforme á normativa vixente por 75.000 euros e levaranse a cabo melloras no parque por máis de 280.000 euros. En total, o Concello investirá 1.377.963 euros no servizo de Bombeiros a través desta ordenanza fiscal.
O Concello establece a imposición e ordenación de contribucións especiais ás compañías aseguradoras que operan na cidade, xa que a ampliación de dito servizo por parte da administración municipal beneficia especialmente ás compañías aseguradoras. Dita recadación destínase anualmente a melloras do servizo de Bombeiros.
Ordenanzas fiscais
Por outra banda, na XGL celebrada esta mañá e que estivo presidida pola alcaldesa, Inés Rey, tamén se aprobou a modificación das ordenanzas fiscais número 16, 43 e 45, que regulan a taxa pola prestación de servizos nos Museos e outras instalacións culturais da cidade. Modifícanse as tarifas vixentes con redondeos á baixa para facilitar o aboamento e a xestión da recadación.
Por último, tamén se modificou a ordenanza fiscal que regula o Servizo de Axuda no Fogar. Trátase da actualización dos baremos de tarifas establecidos pola Xunta, que esta obriga a repercutir aos usuarios.
O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, recordou que estas actualizacións das ordenanzas responden á intención do executivo de Inés Rey de conxelar as taxas e tributos para o ano 2026, tal e como el mesmo anunciara no pleno de outubro e na liña tamén da negociación establecida co BNG para avanzar no marco normativo local.

30 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible