10 de mayo de 2023
A alcaldesa, Inés Rey, explicou hoxe que a comunidade de propietarios presentou un proxecto arquitectónico que formula modificacións no edificio, co obxectivo de evitar o seu derrubamento
A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobou este mércores a concesión da licenza para o proxecto de legalización do edificio situado no nº 13 da avenida de San Roque de Fóra. Sobre este edificio pende unha orde para a súa demolición total que vén a raíz dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou hoxe que a comunidade de propietarios presentou un proxecto arquitectónico que formula modificacións no edificio, co obxectivo de evitar o seu derrubamento. Este proxecto propón diversas intervencións como o apoio da estrutura para realizar as derrubas necesarias para cumprir a normativa vixente, a reconstrución da fachada principal segundo á aliñación e as determinacións do Plan vixente e o derrubamento dos voos desde a planta 1ª á 7ª, por cuestións legais.
Con estas modificacións, e tras avaliarse o proxecto, o edificio adaptaríase á normativa vixente, coa redución de 61 metros cadrados da superficie total construída inicialmente.
Desta forma, e ao concederse licenza para legalizar o edificio, abriríase un prazo de seis meses para iniciar as obras que contempla o proxecto. Desde a súa posta en marcha, a propiedade disporía de 36 meses para rematalas. En todo caso, serán os xulgados os que decidan se a posibilidade de legalización é viable.
Urbanización do polígono de Náutica
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno concedeu a licenza para a construción dun edificio de 88 vivendas, garaxe, rochos e un local, que estará situado na última parcela libre do polígono de Náutica, localizada entre as rúas Marcela e Elisa, Marqués de Cavalcanti e a avenida de San Roque de Fóra.
O orzamento previsto para a execución e material das obras, promovidas pola promotora de desenvolvementos inmobiliarios Kontiki, é de case 9,5 millóns de euros. Terán un prazo de seis meses para iniciar os traballos de construción, a partir da posta en marcha dos mesmos, 36 meses para rematalos.
O proxecto aprobado hoxe permitirá completar o polígono de Náutica.
Cesións de solo en Bens e Monte das Moas
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, hoxe notificáronse en Xunta de Goberno diversos convenios de cesión gratuíta de solo con propietarios de terreos nos núcleos de Bens e tamén na rúa Monte das Moas.
Inés Rey explicou que, a efectos prácticos, "estes convenios habilitarán o Concello a dar continuidade a traballos de mellora en espazos públicos da cidade. Por exemplo, para ampliar os percorridos peonís".
É o caso do núcleo de Bens, onde se está levando a cabo o acondicionamento de terreos de labradío e áreas rochosas para ampliar os camiños e zonas de paso da veciñanza, de acordo coas respectivas propiedades.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible