30 de noviembre de 2022
Este sábado 3, e a partir das 18.00 horas, no Obelisco, terá lugar o acendido das luces de Nadal, que contan con máis de tres millóns de puntos de luz led repartidos por toda a cidade e arcos que chegan por vez primeira a Xuxán
O Goberno de Inés Rey reforza a programación cultural e de ocio en todos os distritos con máis de 60 eventos, entre concertos, actuacións teatrais, festas e obradoiros infantís que se levarán a cabo en rúas, centros cívicos e instalacións municipais como o Fórum Metropolitano e o Ágora
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a programación das actividades de Nadal deste ano, con 37 días consecutivos de celebracións e espectáculos nos que a axenda cultural e de ocio, así como de eventos deportivos, chegará a todos os barrios da cidade.
A rexedora puxo en valor este reforzo da programación de actividades de Nadal nos diversos distritos da Coruña, "nun contexto de total normalidade e moito máis optimista, xa sen as restricións sanitarias aínda vixentes na edición do ano pasado por mor da pandemia". Así, desde este venres e ata o 8 de xaneiro, a cidade acollerá máis de 60 eventos, en forma de concertos, obradoiros infantís e espectáculos orientados tanto ás persoas adultas como aos máis pequenos e pequenas.
Este sábado, a partir das 11.00 horas, abrirá o novo Mercado de Nadal que estará localizado na praza de María Pita, con 25 postos de artesanía, así como de entidades do terceiro sector que darán a coñecer a súa actividade.
A posta en marcha do Mercado de Nadal, que conta co apoio da Asociación de Artesáns de Galicia, lévase a cabo coa colaboración do tecido asociativo da cidade baseándose en dous obxectivos, sinalou a alcaldesa: "Axudar á dinamización económica do pequeno comercio e, por outra banda, promover a concienciación sobre realidades da nosa sociedade, como as doenzas mentais ou a atención ás persoas con dependencia".
O Mercado de Nadal estará aberto todos os días, de luns a domingo (de 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.00 horas), a excepción do día 25, que ficará pechado, e os días 24 e 31, nos que abrirá á cidadanía de 11.00 a 15.00 horas.
En paralelo, tamén este sábado 3 e na praza de María Pita, poranse en marcha os obradoiros infantís que acollerá o novo iglú que estará situado na contorna do Mercado de Nadal. Os talleres, para os que será precisa inscrición previa e que rematarán o día 30 de decembro, abranguen a elaboración de traballos manuais como adornos florais e instrumentos musicais. Tamén achegarán os máis pequenos á cociña de Nadal.
Máis de tres millóns de puntos de luz led en todos os barrios
Ademais, este sábado, a partir das 18.00 horas, a alcaldesa acenderá as luces de Nadal. Será no Obelisco, e con especial protagonismo para as nenas e nenos coruñeses, ao igual que nas edicións previas. Inés Rey subliñou o compromiso do Goberno municipal para que a iluminación de Nadal "chegue a todos os barrios da cidade". En total, o Concello instalou máis de tres millóns de puntos de luz led de baixo consumo enerxético e incrementou a 560 os arcos luminosos, distribuídos por todos os distritos, expandíndose polos Mallos e o Barrio das Flores, e chegando por primeira vez ao novo barrio de Xuxán.
Entre os adornos con temática de Nadal destaca a bóla luminosa de 12 metros de altura, que estará situada un ano máis na Mariña, e a árbore de 20 metros de altura do Obelisco. En paralelo, instaláronse decoracións luminosas específicas, con paraugas de luces e elementos en 3-D, repartidas entre a praza das Conchiñas, o Campo de Marte, a praza da Cubela e o cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo.
Programación de Nadal nas rúas, teatros e instalacións municipais
A expansión da programación cultural polos barrios da cidade contempla espectáculos para todas as idades. Ao aire libre, coas Ruadas de Nadal que chegarán á Agra do Orzán, O Ventorrillo, Sagrada Familia, Os Mallos e Palavea, entre outros, e o teatro e circo a pé de rúa do Nadal Manicómico, que terá presencia en Catro Camiños e Matogrande.
Por outra banda, e ata comezos de xaneiro, A Coruña contará cunha ampla programación de concertos e espectáculos teatrais. "A cidade vibrará con Carlos Núñez no Teatro Colón, co Ciclo Principal de Outono e Blanca Portillo no Teatro Rosalía de Castro, co Festival de Monicreques de Nadal do Fórum Metropolitano e, en paralelo, concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Gaos e as corais da cidade, así como dous concertos conmemorativos polo 175º aniversario da fundación do Círculo de Artesáns", detallou a rexedora.
A este respecto, Inés Rey destacou a aposta do Goberno municipal "por artistas e profesionais que forman parte do patrimonio da cidade, atendendo á música clásica, tradicional e moderna para facer deste Nadal un Nadal moi noso".
Ademais, e baseándose na estratexia do Goberno municipal para reforzar a programación nos barrios, levaranse a cabo obradoiros de cociña infantil nos mercados municipais de San Agustín, Eusebio da Guarda, Durmideiras, Elviña, Monte Alto e As Conchiñas. Comezarán o día 23 de decembro e prolongaranse ata o día 29.
Campamentos de Nadal nos centros cívicos
A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá abrirá este xoves, 1 de decembro, o prazo de preinscrición para os Campamentos de Nadal nos centros cívicos da cidade, unha proposta orientada a favorecer a conciliación familiar durante as próximas vacacións escolares.
En total ofrécense 525 prazas para os nenos e nenas nadas do 01/01/2010 ata o 31/12/2018, ás que se suman 15 prazas máis para menores con necesidades especiais. O prezo dos campamentos será de 26 euros para o horario xeral de 10.00 a 14.00 horas e de 32 euros para o horario ampliado de 9.00 a 14.30 horas. Todos os campamentos desenvólvense de luns a venres. A preinscrición pode facerse en liña os días 1, 2 e 3 de decembro a través da web de Servicios Sociales . Os campamentos darán comezo o día 23 de decembro en cada un dos centros cívicos e prolongaranse de luns a venres ata o 5 de xaneiro.
Ademais, todos os centros cívicos da cidade acollerán, desde o día 22 de decembro, múltiples festas para os máis pequenos, obradoiros infantís, así como visitas de Papá Noel e os Reis Magos. "Queremos que se viva o Nadal con igual intensidade e ilusión en todos os barrios da Coruña", subliñou Inés Rey.
Apertura da Casa dos Xoguetes
Este xoves, 1 de decembro, tamén abrirá a Casa dos Xoguetes, un espazo de economía circular ideado para fomentar a reutilización e o consumo responsable no Nadal. Nesta edición, a Casa dos Xoguetes estará localizada na sede da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, na rúa Costa da Palloza número 8.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible