12 de enero de 2023
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, avanzou que o esqueleto situado na avenida de Fisterra xa pode rematarse, coas modificacións necesarias para adaptarse á actual normativa
No ano 2022, o Goberno de Inés Rey aprobou a concesión de licenza para recuperar estruturas sen uso no parque de Vioño, a rolda de Monte Alto, Santa Margarida e a rolda de Nelle
O Concello aprobou definitivamente este xoves, no Pleno ordinario, o estudo de detalle para a ordenación do esqueleto do soar existente no número 50 da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales, un trámite necesario antes da concesión da licenza que permitirá rematar a edificación, a derradeira deste tipo existente no distrito e cuxa construción quedou paralizada hai máis dunha década.
Tal e como apuntou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, o estudo de detalle foi presentado pola promotora o 30 de maio do ano pasado, recibindo a autorización inicial da Xunta de Goberno Local pouco despois, o día 8 de xuño. "Contou cos informes sectoriais favorables e tivo unicamente unha alegación dun particular que foi debidamente respondida", subliñou Díaz Gallego.
Coa aprobación plenaria do estudo de detalle, que implica a redefinición do volume edificable no soar en cuestión, adaptando a infraestrutura ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, o Concello dá resposta a unha demanda veciñal do barrio dos Rosales desde hai unha década, "o que contribuirá a resolver problemas de salubridade, seguridade e mesmo de carácter estético, nun barrio que xa finalizou hai tempo o seu proceso de urbanización e construción de vivenda", detallou o concelleiro.
O seguinte paso para concretar a rehabilitación do inmoble será a solicitude de licenza por parte dos promotores.
O concelleiro de Urbanismo destacou, ademais, "o compromiso firme do Goberno de Inés Rey coa finalización, legalización ou demolición, de ser o caso, de todos os edificios que quedaron sen rematar na cidade, fundamentalmente a causa da crise inmobiliaria". Durante o ano pasado, o Concello aprobou a concesión de licenza para rehabilitar os esqueletos de formigón situados no parque de Vioño; a rolda de Monte Alto; a rúa Cancela de Fóra, preto do parque de Santa Margarida; e o da rolda de Nelle. Ademais, tamén se prevé acometer a demolición do esqueleto situado nas Xubias de Arriba, dando solución a unha demanda da veciñanza do barrio.
Avances cara á regularización do esqueleto na avenida de Fisterra
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade tamén notificou que o esqueleto situado na avenida de Fisterra "xa pode legalizarse, coas modificacións necesarias", para adaptarse á actual normativa.
Ademais, Francisco Díaz Gallego detallou a situación administrativa actual do esqueleto situado na praza de Padre Rubinos, no barrio dos Mallos, e o localizado na Sagrada Familia, o derradeiro situado no distrito. "Agardamos que ambas estruturas conten con licenzas nos vindeiros meses", concretou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible