21 de abril de 2022
Os cursos, que tiveron hoxe as súas primeiras sesións, impartiranse todos os xoves e venres no Centro Cívico de Artesáns ata finais de agosto
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais e Benestar Social, pon en marcha un programa educativo de clases de español para persoas ucraínas de acollida. Trátanse de tres cursos de clases de español (dous para menores e outro para persoas adultas) que teñen como finalidade promover a integración social das persoas acollidas na cidade.
A iniciativa forma parte do paquete de medidas de apoio impulsado pola alcaldesa, Inés Rey, e que ten a Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU) -que hai un mes abriu as súas portas no número 68 do Matadoiro-, como centro de coordinación.
A concelleira de Servizos Sociais e Benestar, Yoya Neira, sinalou que «o descoñecemento do idioma supón unha gran barreira á hora de acadar unha total integración social». Isto tamén afecta a outros eidos, especialmente ao educativo e laboral, o que supón unha forte autolimitación na adaptación á cidade. Por iso, o Concello da Coruña impulsa esta formación en competencias lingüísticas, con dous cursos de clases de español que se impartirán dende o 21 de abril ata o 31 de agosto.
Durante os catro meses que dura o programa, os alumnos e alumnas recibirán 3 horas de clase á semana no Centro Cívico de Artesáns, en horario de 16.00 h a 17.30 h os xoves e de 11.30 h a 13.00 h os venres. Ademais, a estes dous cursos súmase outro máis para menores, que comezará a impartirse a partir do 28 de abril no mesmo espazo, en horario de 11.00-12.30 h os xoves e de 9.45-11.15 h os venres.
Dende o comezo do conflito do pobo Ucraíno, o Concello da Coruña solidarizouse coas persoas afectadas pola guerra, colaborando coa asociación AGA-Ucraína nas distintas tarefas de cooperación (traslado de persoas refuxiadas, envío de materiais, etc.). Ademais o pasado mes (21 de marzo) púxose en marcha a OMAPU como centro de información tanto para persoas acollidas como para aquelas persoas ou entidades que queiran recibir información ou participar nos programas de axuda. Toda a información atópase na web www.coruna.gal/omapu, en galego e castelán así como en ucraíno.
Bolsas para a acollida de persoas refuxiadas
Ademais do impulso do programa de ensino de español, o Concello da Coruña creou unha bolsa para todas aquelas familias coruñesas que queiran acoller a persoas ucranianas chegadas á cidade, que non dispoñen de lugar de hospedaxe.
O tempo de acollida é temporal e activarase en caso de necesidade, ata que a entidade Accem, responsable de tramitar o acceso ao Sistema de Acollida e Protección Internacional, confira unha praza definitiva á persoa en proceso de acollemento. A selección de familias foi realizada por un equipo técnico municipal, a través dun estudo e valoración previos da familia para certificar a súa capacidade e idoneidade. Ademais, o mesmo equipo realizará un seguimento durante a estadía das persoas acollidas nos domicilios coruñeses velando polo seu benestar.
As familias seleccionadas recibiron hoxe unha charla previa no Centro Cívico da Cidade Vella, a cargo de persoal da Cruz Vermella, con información sobre a situación en Ucraína e as accións desenvoltas pola organización. Tamén recibirán información sobre atención psicolóxica e psicosocial en adultos e menores así como claves e recursos de interese durante o proceso de acollida.
O programa segue aberto para todas aquelas familias que queiran colaborar. Para comezar o proceso cómpre cubrir o formulario de inscrición, dispoñible na web da OMAPU, aceptando o cumplimento das cláusulas de participación no programa. O formulario pode consultarse na seguinte ligazón: www.coruna.gal/web/es/omapu/formulario-de-inscripcion-a-la-bolsa-de-familias-acogedoras.
Continúan abertas as inscricións co dorsal 0 na Carreira Solidaria "Coruña C10"
Este ano, o Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo dedicarán a carreira solidaria "Coruña C10" ao pobo ucraíno, destinando todos os fondos recaudados á asociación AGA-Ucraína co obxectivo de dotar os hospitais ucraínos do material necesario para atender as persoas feridas pola guerra. A carreira celebrarase o vindeiro domingo 24 de abril ás 10.00 h, con saída dende o Parrote, e contará coa participación dun atleta olímpico. Javier Guerra, triplo campión de España na modalidade de maratón, participou nos Xogos Olímpicos de Tokio tras o ouro acadado en Sevilla no ano 2020.
Para esta acción solidaria creouse o dorsal 0, tamén chamado dorsal solidario, ademais da programación dunha sesión de zumba aberta a toda a cidadanía. Poderán participar nela as persoas inscritas na carreira, que mercaron o dorsal 0 ou quen se achegue ata o recinto este domingo. Será no Parrote a partir das 12.15 horas o mesmo día da carreira.
A cidadanía poderá realizar tamén as súas achegas económicas, tanto a través da páxina web habilitada pola Federación Galega de Atletismo como de forma presencial, nunha urna que estará colocada no Parrote.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible