Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

20 de diciembre de 2018

O Concello da Coruña pechará 2018 cunha débeda viva de 43,9 millóns, “despois de reducila practicamente á metade en tres anos”

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, lamenta que a pesar dos esforzos realizados polo Concello, que presenta unha situación moi saneada, o dato do Período Medio de Pago a provedores impide ao executivo destinar parte do superávit a investimentos financeiramente sostibles

O Concello da Coruña pechará o ano cunha débeda viva de 43,9 millóns de euros, a máis baixa da década e practicamente a metade da rexistrada en 2015, que sumaba 80,6 millóns de euros segundo os datos da Tesourería Municipal. A cifra acadarase unha vez que o executivo local proceda á amortización anticipada de 15,1 millóns de euros de débeda municipal. Para iso será preciso que o Pleno aprobe de forma definitiva a vindeira semana o modificativo de crédito destinado a reinvestir parte do superávit do pasado exercicio. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, lamentou este xoves que "a pesar dos esforzos realizados, a administración local non fose quen de pechar o mes de novembro cun Período Medio de Pago a Provedores (PMP) inferior a 30 días, motivo que impide aos municipios destinar parte do superávit a investimentos financeiramente sostibles (IFS)". "Malia que o Concello presenta unha situación moi saneada e que tan só excedemos o límite do PMP en 2,76 días, os 15,1 millóns de euros reservados do superávit deberán ser destinados integramente á amortización de débeda, tal e como é a súa finalidade ordinaria segundo a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira", explicou.

A responsable municipal sinala que a amortización de débeda que o Concello asinará este exercicio é posible porque "por cuarto ano consecutivo, as contas municipais pecharon con superávit". "Coa amortización prevista, a débeda viva do Concello a 31 de decembro de 2018 baixará até os 43,9 millóns de euros, o que supón unha redución de máis do 31% con respecto ao ao ano anterior", recordou a concelleira. "Deste xeito, a débeda pasará dos máis de 350 euros per cápita que se rexistraban en xuño de 2015 aos 180 euros cos que remataremos 2018", salientou.

Sobre as magnitudes municipais que evidencian "o saneamento" que experimentaron as contas da administración local, a concelleira alude tamén á notable redución do gasto anual en intereses bancarios. "Este pasou dunha media de 1,98 millóns de euros anuais entre 2011 e 2014 a pouco máis de 175.000 euros neste 2018", subliña, á vez que indica que esta redución se debe principalmente á minoración do endebedamento, así como ao refinanciamento da débeda bancaria levada a cabo por este goberno local en decembro de 2015.

Período Medio de Pago

Vieito salienta que o incumprimento do PMP (32,76 días) prodúcese, principalmente, como consecuencia do cambio da metodoloxía do seu cálculo. "Esta modificación foi aprobada polo anterior goberno do Estado. De non ter mudado, o Concello da Coruña cumpriría sobradamente o dato e podería destinar unha parte importante do superávit a investimentos necesarios". Para exemplificar os atrasos que viñeron aparellados á nova lei de contratos do sector público, así como aos novos métodos de cálculo do PMP, a responsable municipal sinala que en marzo, o Período Medio de Pago estaba dentro dos límites do cumprimento, en 27,7 días, mentres que en abril, cando entrou en vigor a nova fórmula de cálculo coincidindo coa recente entrada en vigor da lei de contratos do sector público, pasou a ser de 42,92 días.

Ao fío, a responsable municipal fixo notar as dificultades coas que tanto o Concello da Coruña como o resto de entes municipais se enfrontan para poder acometer os investimentos extraordinarios. "A normativa estatal esixe o cumprimento de condicións tales como que non se supere o límite de endebedamento establecido no regulamento de Facendas Locais, cousa que o Concello cumpre, e que o anterior exercicio rematase con superávit en termos contables e con remanente de tesourería para gastos xerais positivo, obxectivos que tamén acadou este goberno local, xa que o superávit de 2017 é de 18,3 millóns de euros e o remanente de 23,3 millóns", comenta. Non obstante, ademais destas dúas condicións, "a lei vixente engade outro requisito que non garda relación ningunha co cumprimento do principio de estabilidade, e que consiste en que o último dato publicado do Período Medio de Pago a Provedores (PMP) non supere o prazo máximo establecido na normativa sobre morosidade, que é de 30 días". "É curioso que o goberno do Estado manteña esta restritiva normativa, así como esta metodoloxía de cálculo, tendo en conta que a propia administración central do Estado está a ser quen de cumprir con estas esixencias, xa que o seu PMP supera con creces o límite dos 30 días".

"A tardía aprobación en Pleno dun recoñecemento extraxudicial de crédito do Concello e outro do IMCE por valor de 1,3 millóns de euros e 935.000 euros respectivamente, algo que se debeu ao rexeitamento inicial dos grupos municipais do PP e do PSOE tamén lastrou de forma considerable o período medio de pago", recordou a concelleira, que lamentou a actitude amosada polo grupo popular ao longo de todos estes meses. "Aínda de terse conseguido reducir o PMP por debaixo dos 30 días, o PP puxo todos os paus nas rodas que atopou para evitar que se conseguise investir parte do superávit en IFS. Así o demostra non só o rexeitamento inicial ao pago dos recoñecemento extraxudiciais en Pleno este verán, senón tamén o propio feito de presentar o último día habilitado unha alegación ao modificativo de crédito para reinvestir o superávit que será aprobado, de forma previsible, a próxima semana", evidenciou.

Con todo, a titular de Facenda recordou, ademais, a intención do goberno local de que as actuacións máis urxentes e necesarias que estaba previsto abordar en base aos investimentos financeiramente sostibles (IFS) "se poidan executar con cargo aos orzamentos municipais do vindeiro ano".

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión