14 de marzo de 2022
O Goberno de Inés Rey ofrece seis vivendas municipais para a acollida de persoas que fuxen do conflito, e habilitará liñas de axudas sociais para cubrir as súas necesidades básicas cando sexa preciso
Ante a crise humanitaria que se está a vivir en Ucraína por causa da inxustificada agresión por parte de Rusia, o Concello da Coruña disporá seis vivendas de titularidade municipal destinadas á acollida de persoas refuxiadas polo conflito bélico. Ademais, remitiralle unha solicitude á Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (SAREB) co obxectivo de formalizar unha vía de colaboración coa cesión de vivendas dispoñibles na cidade para o mesmo fin.
Así o anunciou a alcaldesa, Inés Rey, tras a visita que realizou hoxe ás instalacións da Cruz Vermella da Coruña, na que se trasladou o compromiso do Goberno municipal para contribuír ao amparo de persoas refuxiadas chegadas de Ucraína con todos os medios dos que dispoña o Concello. O executivo local leva desde o inicio das hostilidades en Ucraína mantendo contactos co tecido asociativo e con outras Administracións para actuar de xeito coordinado e efectivo neste caso. A semana pasada a alcaldesa mantivo tamén un encontro con representantes tanto da Cruz Vermella como de ACCEM. En dita reunión acordouse seguir as indicacións do Ministerio de Asuntos Exteriores, a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional e o resto de administracións competentes, para canalizar as axudas de forma ordenada e eficaz.
Neste sentido, Inés Rey e Yoya Neira reuníronse tamén hoxe con representantes da asociación AGA Ucraína, para trasladarlles as actuacións de reforzo que se levarán a cabo desde o Concello para impulsar a integración das persoas refuxiadas ucraínas na cidade. Ao longo da semana porase en marcha a Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU), que estará situada na rúa do Matadoiro, 1, onde actualmente está situado o Espazo de Iniciativas Xuvenís. Esta oficina facilitaralles información e asesoramento ás persoas refuxiadas de Ucraína que cheguen á Coruña, e contará cun servizo de tradución e interpretación para axudar a que non haxa barreras idiomáticas co persoal municipal, ou para acompañar a xente acabada de chegar na execución de trámites oficiais coas administracións. Ademais, desde a OMAPU coordinarase o traballo diario coas entidades que traballen na atención e acollida das persoas refuxiadas. "Esta oficina coordinará o traballo con todas as entidades humanitarias da cidade, que son moitas e levan semanas inmersas en tarefas de apoio e recollida de alimentos. Queremos que sexa un traballo centralizado, coordinado e moito máis efectivo", sinalou Inés Rey.
Por outra banda, o Goberno municipal resolveu empregar as Axudas de Emerxencia Municipal ou o Programa A Flote, da Fundación Emalcsa, para cubrir as necesidades básicas das persoas afectadas mentres se tramita o recoñecemento da súa condición de refuxiadas, momento no que pasarían a estar cubertas, economicamente, polo Ministerio de Asuntos Exteriores.
O plan de medidas que executará o Concello da Coruña completarase cun servizo de atención psicolóxica para as familias das persoas refuxiadas que cheguen á cidade, así como outro servizo engadido, de acompañamento, para axudarlles a xestionar o trauma vivido, así como na súa integración, coa aprendizaxe paulatina do idioma.
Inés Rey visita a Cruz Vermella ao cumprirse o segundo ano de pandemia
Este luns, cumpríndose dous anos do primeiro decreto de Estado de Alarma a causa da pandemia da Covid-19, a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, visitaron a sede da Cruz Vermella na cidade para agradecer ao persoal da asociación, así como á presidenta provincial e á coordinadora provincial, Mercedes Casanova e Carmen Reigía, "o traballo que levaron a cabo desde o minuto un, coa posta en marcha do albergue para persoas sen fogar no Palacio dos Deportes e os pabellóns da avenida da Habana, chegando a estar ao 100 % de capacidade".
A alcaldesa subliñou a estreita colaboración do Concello coa Cruz Vermella na Coruña, á que apoia con convenios e programas que alcanzan o medio millón de euros anuais. Este vencello terá continuidade, tanto coa Cruz Vermella como coas restantes asociacións humanitarias na cidade, coas iniciativas que se impulsen de cara á acollida dos refuxiados polo conflito en Ucraína.
A Coruña, entre as cidades do Eixo Atlántico que se suman ao pacto de axuda
A vontade do Goberno de Inés Rey de facilitar a chegada de persoas refuxiadas polo conflito bélico en Ucraína tamén queda patente coa adhesión do Concello da Coruña á rede de municipios do Eixo Atlántico que lles trasladaron a súa dispoñibilidade ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez; ao primeiro ministro de Portugal, António Costa; así como aos embaixadores de Ucraína en ambos os países, traballando en conxunto e de forma coordinada para lles dar prioridade aos refuxiados e refuxiadas ucraínas, especialmente a quen teña familia no territorio para favorecer que poidan reagruparse.
O Concello da Coruña insta a seguir as recomendacións da Fegamp para a xestión dos recursos de axuda humanitaria a Ucraína
Para asegurar unha correcta distribución do material humanitario que se está a recoller nas entidades locais de cara aos envíos de axuda a Ucraína, o Concello da Coruña subliña as recomendacións do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste sentido, o máis eficaz é facer unha achega económica ás ONG ou administracións locais que están apoiando a poboación ucraína afectada, para que estean en disposición de mercar o que realmente precisen.
A través da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, trasládanse as seguintes vías de canalización de achegas económicas ás ONG e organismos internacionais despregados no terreo:
Coordinadora Española de ONGD.
Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella.
Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas.
Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible