31 de octubre de 2023
Concello e Xunta asinaron hoxe o convenio que permitirá establecer un protocolo permanente para a captura de xabarís con medios autonómicos no termo municipal coruñés
O voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, reuniuse esta mañá en Santiago coa vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase do segundo encontro tralo mantido en setembro para abordar distintas problemáticas e compromisos de ambas as dúas administracións, dentro do termo municipal da Coruña.
Lage trasladoulle á conselleira que un dos compromisos adquiridos polo Concello está xa en trámite de cumprimento. Trátase do selado pendente do vertedoiro de Nostián. O voceiro do Goberno de Inés Rey explicou que finalmente o executivo local chegou a un acordo coa concesionaria da planta, e que esta asumiu os necesarios traballos para selar adecuadamente dita superficie, traballos que acometerá proximamente con recursos propios. "Hai un mes asumimos o compromiso de resolver este asunto e hoxe a solución xa está en marcha, froito unha vez máis do diálogo entre administracións e da boa disposición ao entendemento que amosa este Goberno", indicou Lage.
Ademais, os dous representantes de ambas as administracións asinaron hoxe tamén o convenio para poñer fin á presenza de xabarís no termo municipal coruñés. Trátase dun documento que non permite só unha solución conxuntural á situación actual, senón que establece un protocolo de actuacións a futuro en caso de que se dean novas aparicións de dita especie no ámbito urbano. "Pediamos que a Xunta se fixese cargo deste problema ao entrar dentro do ámbito das súas competencias e así será finalmente, coa total colaboración do Concello en todo o que sexa preciso para localizar e facilitar a captura dos animais", indicou Lage.
O acordo supón que será a Xunta a que instale as gaiolas e se faga cargo do seu seguimento ata a captura dos animais salvaxes. A súa eliminación posterior correrá a cargo do consistorio. "Coido que chegamos a un bo acordo porque non só permitirá solucionar no curto prazo a situación que temos, senón que evitará que no futuro se volvan dar situacións semellantes", indicou Lage Tuñas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible