31 de julio de 2026
Ambas institucións renovan un acordo que garantirá unha maior calidade e profesionalización do evento musical gratuíto de referencia do Estado
O Concello da Coruña e a Deputación da Coruña formalizaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, un dos grandes eventos musicais do verán galego. O acordo foi asinado polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e contempla unha achega provincial de 250.000 euros destinada á organización do festival.
O convenio reforza a cooperación institucional para impulsar unha cita cultural consolidada que atrae cada ano milleiros de persoas á cidade e que contribúe á dinamización económica, turística e cultural da Coruña e da súa área de influencia. Gonzalo Castro destacou a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade propostas culturais de gran alcance. "A cooperación institucional é fundamental para seguir ofrecendo á cidadanía programacións culturais de máxima calidade. Este acordo coa Deputación permítenos fortalecer un festival referente en Galicia e no conxunto do Estado, ampliando a súa capacidade para chegar a públicos diversos e continuar levando a cultura a espazos abertos e accesibles para todas e todos", sinalou.
Castro agradeceu tamén o apoio da institución provincial e puxo en valor a aposta do Goberno de Inés Rey pola cultura como ferramenta de cohesión social, proxección exterior e xeración de actividade económica. "Desde a chegada de Inés Rey á Alcaldía consolidamos unha estratexia baseada na promoción dunha oferta cultural ampla, diversa e de calidade, convertendo A Coruña nunha referencia na organización de grandes eventos que benefician tanto á veciñanza como ao tecido económico local", engadiu.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reafirmou o compromiso da institución provincial co apoio a iniciativas culturais de impacto que contribúen á promoción do territorio e á creación de oportunidades para o sector cultural. "O apoio da Deputación permitirá reforzar un festival consolidado, gratuíto e aberto a todos os públicos, que combina grandes nomes da escena internacional e estatal cunha importante presenza de artistas galegos", afirmou o presidente provincial.
Un referente musical do verán
O Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 5 ao 8 de agosto, reunirá máis de corenta actuacións gratuítas distribuídas en sete escenarios da cidade: a praia de Riazor, a praza de María Pita, a praza de Azcárraga, o Campo da Leña, o parque de Santa Margarida, o Castelo de San Antón e O Portiño. A programación contará con figuras destacadas da escena nacional e internacional como Echo & The Bunnymen, Bomba Estéreo, Dorian, Rusowsky, Yerai Cortés, Fantastic Negrito, Frankie and the Witch Fingers, Sprints, Bongeziwe Mabandla, Mari Froes e Sés, combinadas con numerosas propostas galegas, que representan máis da metade do cartel. O festival reafírmase así como unha das grandes citas musicais do verán no Estado, cunha oferta diversa que abrangue desde o rock e o pop ata a electrónica, o folk, o post-punk, as músicas de raíz e as novas tendencias sonoras.

1 de agosto de 2026

1 de agosto de 2026

31 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible