30 de mayo de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que A Coruña foi pioneira en España na separación de residuos grazas ao impulso do Goberno municipal e o apoio da cidadanía
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, Ángeles Vázquez, asinaron hoxe no Palacio de María Pita a adhesión da Coruña ao Convenio Marco de Colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e Ecoembes, un acordo que fará posible a implantación na cidade dun quinto contedor, de cor gris, para a recollida separada de residuos de fracción resto antes de final de ano.
"A implantación do quinto contedor na cidade é un paso máis na adaptación do modelo de recollida de residuos da cidade ás novas esixencias da lexislación medioambiental", sinalou a alcaldesa, quen lembrou que A Coruña foi pioneira en España na separación de residuos grazas ao impulso do Goberno local e o apoio da cidadanía, que souberon converter unha traxedia ambiental como foi o derrube da entulleira de Bens nunha oportunidade de cambio.
"Con este convenio imos facer mellor o que xa estabamos a facer: separar en orixe para aumentar as porcentaxes de recuperación de residuos, reducir o envío a vertedoiro e traballar para alcanzar as metas que a Unión Europea nos marca para o futuro" sinalou a alcaldesa, quen anunciou a posta en marcha dunha gran campaña de información e sensibilización para que todos os veciños e veciñas se adapten con rapidez á utilización do novo contedor.
Pola súa banda, a conselleira destacou que agora mesmo en Galicia a porcentaxe de recollida de envases lixeiros é do 52% e hai que chegar ao 65% neste ano 2025. "Coa adhesión da Coruña a este convenio marco vanse cumprir os obxectivos a nivel europeo e estatal" , destacou.
A alcaldesa lembrou que mentres noutros concellos de España e de Galicia o novo quinto contedor supuxo empezar a separar o orgánico (marrón) ou os envases, o modelo coruñés xa separa esas fraccións e conta con eses colectores. O actual contedor amarelo quedará para envases lixeiros (botellas e botes de plástico, filme plástico, latas e brics, cartón para bebidas...) e o novo contedor que pronto verán os veciños nas rúas será de cor gris, destinado á fracción resto e no que se depositarán residuos como as barreduras domésticas, cabichas de cigarros, produtos sanitarios como cueiros, compresas e tampóns, restos de louza e, en xeral, todo aquelo que non teña como destino o resto dos contedores.
"En definitiva, imos separar mellor para reciclar máis", sinalou Rey, quen agradeceu á conselleira a súa disposición para chegar a un entendemento e poder dar os pasos necesarios para a posta en marcha do quinto contedor este mesmo ano.

26 de noviembre de 2025

27 de octubre de 2025

25 de octubre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible