27 de noviembre de 2025
Os creadores de contidos Champi Muros e Oveyanejra compartiron a conversa co profesional de Agalure Gerardo Rodríguez, nun formato dinámico con xogos e participación activa do público
Numerosos mozos e mozas participaron na gravación en directo dun episodio centrado nas adiccións dixitais e o xogo en liña
As Naves do Metrosidero acolleron onte á tarde a gravación do primeiro episodio de 'Fóra de guion', o novo podcast xuvenil en directo impulsado polo Concello da Coruña e dirixido á mocidade de entre 12 e 30 anos. A sesión, centrada nas adiccións dixitais e o xogo en liña, rexistrou unha alta participación, consolidando este formato como un novo espazo de encontro e reflexión para a xente nova.
O episodio, baixo o título 'Conectados ou atrapados: adiccións dixitais e apostas na xuventude', estivo conducido polo creador de contidos Oveyanejra (Ángel Currás), quen guiou a conversa cun ton próximo e directo. Ao seu carón, Champi Muros (Santi Caamaño) relatou en primeira persoa o proceso que o levou do xogo recreativo á adicción, así como o impacto que tivo na súa vida persoal, social e económica, e o camiño de volta cara á recuperación grazas á petición de axuda profesional.
Na segunda parte da sesión incorporouse a visión técnica de Gerardo Rodríguez, profesional de Agalure, entidade especializada en prevención e tratamento de condutas adictivas. Rodríguez explicou os sinais de alerta máis frecuentes entre a mocidade, o papel das familias e do entorno educativo e social, e os recursos dispoñibles para quen sente que perdeu o control sobre o xogo ou o uso das pantallas, insistindo en que pedir axuda "é un acto de valentía e non un fracaso".
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a aposta municipal por novos formatos dirixidos á mocidade: "Con 'Fóra de guion' amosamos que se pode falar con rigor de saúde mental, adiccións e riscos dixitais empregando as linguaxes, os espazos e as referencias da mocidade. Queremos ofrecer alternativas de lecer responsable, reforzar o pensamento crítico e dicirlles ás e aos máis novos que non están sós se precisan axuda".
O encontro combinou entrevista, testemuños en primeira persoa e dinámicas participativas co público, como o xogo '¿Controlas ou te controla?', así como unha sección final de preguntas abertas que permitiu á mocidade expresar dúbidas e compartir experiencias.
O episodio quedou rexistrado en formato audiovisual e publicarase nas vindeiras semanas nas canles dixitais municipais, incluíndo a conta @mocidadecoruña e a canle de YouTube do Concello da Coruña, xunto con clips específicos para redes sociais.
Ao longo de 2026, o ciclo 'Fóra de guion' abordará novas temáticas de interese xuvenil como o bullying, os consumos de substancias, o benestar dixital ou a igualdade de xénero, mantendo o formato de podcast en directo con público, persoas convidadas de referencia e espazo para a participación da mocidade.

28 de julio de 2026

22 de julio de 2026

18 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible