22 de febrero de 2016
A concelleira de Facenda indica que “esta é a data máis tardía na que é posible pasar estes recibos, tendo en conta os requisitos técnicos que afectan ás domiciliacións”
O Goberno municipal vén de fixar o 5 de xullo como a data na que se levará a cabo o cargo bancario dos recibos domiciliados para o pago do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indica que desta forma, “o Goberno local segue a aplicar medidas para facilitar a adaptación por parte da cidadanía ao novo Calendario Fiscal que, non obstante, permitirá á veciñanza distribuír mellor a súa carga tributaria ao longo do ano”.
O Executivo local vén de aprobar o novo Calendario Fiscal para este 2016 baseándose en informes técnicos de Tesourería e Intervención Municipal que así o recomendaban, co obxectivo tanto de repartir a carga fiscal de todo o exercicio económico, como de cara a distribuír a carga tributaria para o contribuínte ao longo do ano, evitando que a maior parte dos pagos se concentren no último trimestre do ano. A pasada semana o Goberno local decidiu ampliar a catro meses o pago para o pagamento do IBI, que ese ano comezará o 5 de maio e se estenderá até o 5 de setembro, permitindo desta forma á cidadanía gozar dunha maior marxe para planificar as súas achegas ao Concello. O grupo de Goberno optou por duplicar este ano o prazo previsto para o pagamento do IBI ao entender que se trata “dun cambio significativo con respecto do período de pago anterior”.
Vieito destaca que “na mesma liña de sensibilidade co cambio significativo que supón esta ampliación excepcional do principal tributo, o Goberno local segue a adoptar medidas para facilitar a adaptación por parte da cidadanía ao novo calendario, de modo que se fixará a data de cargo bancario dos recibos domiciliados do IBI para o 5 de xullo”. “Esta é a data máis tardía na que é viable pasar ao cobro estes recibos, tendo en conta tanto os requisitos técnicos que afectan ás domiciliacións, como a necesidade de respectar un prazo dentro dun período voluntario de pagamento para posibles devolucións de recibos domiciliados”, comentou. Desta forma destaca que “o novo calendario fiscal amplía o prazo de pago de xeito que a cidadanía ten unha marxe máis ampla para aboar o IBI fixando a data de cargo dos recibos domiciliados o 5 de xullo, mensualidade axeitada ao tempo de maior liquidez das familias”.
A concelleira insistiu na necesidade de modificar o Calendario Fiscal vixente, en liña co dos resto de grandes concellos, e en base aos informes técnicos que recomendaban a súa modificación, non só para que a veciñanza non vise concentrado o pago dos seus tributos no último terzo do ano, senón para evitar tensións temporais de liquidez dentro do Concello, e “axudando a garantir uns saldos medios de efectivo que melloren os prazos nos que a administración coruñesa pode pagar as súas obrigas”. Todas estas medidas viñeron precedidas pola aprobación da nova ordenanza xeral de recadación na que “se reforzaron medidas complementarias ao novo Calendario Fiscal na pretensión, fundamental para este Goberno, de facilitar en todo o posible a contribución da cidadanía ao pago dos tributos locais, así como un reparto máis xusto dos mesmos”.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible