1 de febrero de 2019
Daniel Díaz Grandío salienta a normalidade coa que está a discorrer esta primeira xornada e recorda que os e as usuarias que teñan dúbidas cos novos prezos poden chamar ao teléfono de información municipal 010
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, salientou esta mañá "a normalidade" coa que discorre a primeira xornada de aplicación do novo marco tarifario no transporte público urbano, impulsado polo goberno local. O edil, que esta mesma mañá puido falar cos responsables da concesión municipal, constatou que "a implantación discorre con normalidade, se ben é certo que está a xerar moitas consultas". A este respecto, Díaz Grandío recordou que as veciñas e veciños que teñan algún tipo de dúbida poden dirixirse, ademais de as oficinas do rexistro e as habilitadas na propia estación de autobuses, ao teléfono de información municipal, o 010.
O titular de Mobilidade Sostible recorda que entre as principais novidades da rebaixa tarifaria salienta a creación dun novo perfil gratuíto para menores de 13 anos. Tal e como indicou no día de onte, os e as menores desta idade que xa conten coa tarxeta Millennium poderán acollerse a este novo perfil de forma presencial nos rexistros municipais ou ben, de forma telemática, a través dos caxeiros de Abanca onde xa se recarga a tarxeta. Se, pola contra, non se conta cunha tarxeta e o que se precisa é expedir unha nova, os e as usuarias poderán acudir a oficina de rexistro do Ágora ou, preferiblemente, ao espazo habilitado a tal efecto na estación de Autobuses que, a partir de mañá, ofrecerá a posibilidade de realizar este trámite en horario de tarde, entre as 16.00 a 19.00 horas, de luns a venres.
Con todo, Grandío aclara que, como até o de agora, os e as menores de catro anos poderán acceder ao autobús de forma gratuíta e sen tarxeta. No caso de que o neno ou nena de entre 4 e 13 anos non tivese até o de agora a tarxeta Millennium e quixese solicitala nos espazos antes indicados, debe cumprir cunha serie de requisitos como é estar (tanto el como os membros da unidade familiar á que pertence) empadroados na cidade. Á hora de solicitar a tarxeta, a persoa usuaria debe presentar tanto o seu DNI, no caso de telo, así como o dun dos seus proxenitores ou titores legais. A tarxeta terá unha validez indefinida a partir do momento da súa condición e até que o titular cumpra os 13 anos sempre que se manteña empadroado na Coruña. A tarxeta é persoal e intransferible.
Ademais do caso particular da gratuidade para os e as menores de 13 anos, Díaz Grandío recordou outras das novidades do novo marco tarifario. O pago en metálico do billete xeral do bus urbano pasa de 1,30 euros a 1,20 euros. En canto á tarxeta Millennium, o billete xeral queda establecido en 0,75 euros (antes 0,85 euros), mentres que o social queda establecido en 0,23 euros (até o de hoxe 0,33 euros).
Pola súa banda, a tarifa plana de carácter xeral queda establecida de forma que se a persoa usuaria fai máis de 44 viaxes ao mes só pagará un máximo de 33 euros. O importe das viaxes a partir da número 45 será reembolsada o mes seguinte. No caso da tarifa plana social, a viaxeira pagará un máximo de 16,10 euros ao mes se fai máis de 70 viaxes. O importe dos traxectos a partir do número 71, como no anterior caso, será reembolsada no mes seguinte.
Ademais, todos os transbordos pasan a ser gratuítos cun tempo máximo de 45 minutos, de forma que se poden facer varias viaxes co prezo dun único billete.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible