9 de marzo de 2026
Ofértanse máis de 4.100 horas de formación e aprendizaxe en atención sociosanitaria, cociña, carpintería, traballos verticais, capacitación dixital e comunicación en lingua inglesa, entre outras propostas
O Concello, a través do Centro Municipal de Emprego, ultima a posta en marcha da programación de accións formativas deste primeiro semestre, no que se desenvolverán 23 cursos para persoas en situación de desemprego. Está prevista a participación de 360 coruñesas e coruñeses.
A oferta deste primeiro semestre, orientada a sectores profesionais con carga de traballo e demanda de especialistas, permitirá mellorar a capacitación laboral do alumnado. Haberá módulos de formación en carpintería e moble, cociña, atención sociosanitaria, actividades auxiliares de almacén e comercio, traballos verticais, manipulación de carga con carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais en construción, capacitación dixital, ofimática e aprendizaxe de inglés profesional para actividades comerciais, entre outros cursos.
Serán, en total, máis de 4.100 horas de formación repartidas entre 15 accións financiadas polo Concello e outras 8 correspondentes ao programa Éfeso, cofinanciado grazas ás achegas do Fondo Social Europeo Plus.
No caso dos cursos do programa Éfeso tamén se levarán a cabo prácticas non laborais en empresas de cada sector, onde as persoas beneficiarias da acción formativa contarán cun equipo de titorización e inserción laboral para o apoio na busca de emprego.
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou o compromiso do Goberno municipal co fomento da empregabilidade, "unha liña de traballo na que vimos profundando desde o pasado mandato, co programa Coruña Suma, e á que estamos a lle dar continuidade agora, ofertando formación que teña un efecto positivo sobre as persoas participantes e tamén sobre a economía local, e que contribúa á inserción laboral e á creación de emprego estable".
Neste sentido, a rexedora puxo en valor o traballo e a implicación do equipo de profesionais do Centro Municipal de Emprego, clave na organización destas accións formativas. As persoas interesadas en inscribirse nas accións que haberá ao longo deste ano poderán solicitar orientación a través do número de teléfono 981184399 ou a través da web municipal de Empleo .
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible