Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

6 de septiembre de 2018

O Concello impulsa coa UDC unha estratexia de innovación para a Área Metropolitana da Coruña, “un paso máis na dinamización económica da comarca”

O alcalde e o reitor asinaron o convenio que formaliza a colaboración nesta área, así como dous acordos máis sobre a investigación dos efectos da crise no urbanismo da cidade e a subvención das tarifas de autobús urbano para os e as estudantes da universidade

O alcalde, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Albalde, un convenio para a definición dunha estratexia de innovación económica que analice os recursos e capacidades dos concellos da Área Metropolitana neste eido e identifique as súas liñas de actuación potenciais, co obxectivo de "contribuír á dinamización económica da comarca e á creación de emprego nos sectores que permiten construír unha cidade próxima, inclusiva e sostible". Como salientou Ferreiro, este estudo forma parte do proceso de construción da Área Metropolitana da Coruña, na que é clave xerar coñecemento e diagnoses que teñan en conta ao conxunto dos concellos da área para contar así cunha base con información real e axustada ás necesidades de crecemento e coordinación dos concellos e sobre a que desenvolver estratexias conxuntas.

A aposta da Mesa dos Alcaldes e Alcaldesas pola innovación materialízase tamén na constitución dun grupo de traballo específico sobre esta materia e segue a liña da aposta do Concello da Coruña por unha economía baseada na investigación e a apertura de novos espazos que atraian talento. "A innovación, que é tamén eixe central do plan de industrialización 4.0 que presentaremos proximamente e está nas súas últimas fases de elaboración, pasa sen dúbida, como tantas outras cousas, polo gran debate ao que se enfronta esta cidade hoxe: a recuperación do bordo litoral e o impulso, nos terreos de San Diego, do que nós chamamos Distrito do Mar, un polo de investigación e actividade económica innovadora vinculada ás economías verde e azul", relacionou o alcalde, quen aproveitou para agradecer ao reitor que, "dende o primeiro minuto, entendese a importancia de que a UDC estivese presente no xurado do concurso de ideas" que o Concello convocou este verán e aceptase formar parte do xurado. O convenio, quen ten unha vixencia dun curso e  unha aportación económica do Concello de 70.000 euros, dá continuidade tamén á distinción de Cidade de Ciencia e Innovación que foi outorgada pola Secretaría Xeral de Ciencia e Innovación á Coruña e que se renovou en xullo de 2016. A súa elaboración contará cunha fase de diagnose, na que se identificarán as fortalezas e debilidades do Concello, as barreiras económicas, de infraestruturas, legais e de talento existentes e na que se elaborará tamén unha identificación das posibilidades de diversos sectores económicos en relación coa aplicación das novas tecnoloxías. O seguinte paso será a elaboración de liñas estratéxicas e a rede de colaboración entre concellos que salven as limitacións identificadas.

A colaboración entre Concello e UDC ampliouse tamén ao eido da rexeneración urbana mediante o segundo dos convenios asinados hoxe. A administración local colabora no curso de verán Empty Coruña? --que se leva a cabo estas semanas e que terá continuidade no futuro-- para analizar "até onde nos trouxeron décadas de especulación urbanística e e desleixo institucional á hora de facer cidade". O curso, que entre outros resultados recollerá o seu traballo nunha publicación, servirá para facer unha diagnose dos efectos da crise na área urbana da Coruña, na que, como lembrou o alcalde, existen "produto dos anos de desenfreo da burbulla urbanística 20.000 vivendas baleiras e 450 inmobles completos deshabitados mentres hai demasiados veciños e veciñas con dificultades para acceder a unha casa". "Un modelo que vimos cambiando nos últimos tres anos cun urbanismo máis sensible e respectuoso que está tentando pouco a pouco corrixir os desmáns do pasado e iniciar un ciclo baseado no dereito á cidade e o dereito á vivenda como núcleo das políticas urbanísticas e da rexeneración do espazo público", defendeu o responsable municipal.  O últimos dos acordos asinado esta mañá dá continuidade á subvención municipal de parte das tarifas do autobús urbano para estudantes da Universidade da Coruña. Trátase dun convenio de catro anos de vixencia polo que os e as alumnas da institución pública poidan pagar unha tarifa de 30 céntimos coa tarxeta de transporte urbano Millennium. Esta bolsa, que convoca a UDC, beneficiará a 2.200 estudantes durante o presente curso.

O alcalde e o reitor constituíron tamén a comisión de seguimento do convenio marco de colaboración entre as dúas institucións que asinaron o pasado mes de decembro e que entra dentro dunha dinámica de cooperación que foi destacada tanto por Ferreiro como por Abalde. Así, o rexedor cualificou á Universidade de "grande aliada" na tarefa de facer da Coruña "un lugar mellor para vivir, para traballar e para crear e redistribuír riqueza e coñecemento". "A UDC é un polo fundamental do coñecemento da cidade, de atracción de capital humano e xerador de ideas. O Concello non dubida en recorrer á UDC como base do seu coñecemento, unha maneira tamén de poñer en valor a nosa educación pública", salientou. Pola súa banda, Abalde amosou a intención da institución de "poñer os nosos mellores coñecementos" para desenvolver estratexias e accións que supoñan o avance da sociedade. "A universidade é unha aliada en todo aquilo que signifique o desenvolvemento baseado na innovación e na modernidade para conseguir unha sociedade máis igualitaria e que mire cara ao futuro e que se preocupe dos problemas reais da cidadanía", afirmou.

Porto

O responsable municipal referiuse tamén durante a comparecencia ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña que se celebrou na tarde de onte e sobre a que lamentou que "o PP a utilice como brazo político do seu partido". "Non houbo interese por buscar consensos co Concello, non houbo ningún interese por especificar que a condonación da débeda que, evidentemente apoiamos, tiña que servir para revisar os convenios urbanísticos e para non vender os terreos portuarios. Non houbo ningunha intención de apostar pola fórmula de colaboración do consorcio e nós o camiño que levamos é o de intentar levar para adiante co Goberno do Estado estes obxectivos: a revisión dos convenios, o tren a punta Langosteira, a constitución do consorcio e a condonación da débeda ou as medidas equivalentes que permitan non vender os terreos portuarios", indicou. Ferreiro, que manifestou o seu pesar por que os representantes do Estado non acudiran onde ao Consello, agarda que "nos próximos días o Goberno de España dea pasos adiante e signos claros de que hai unha aposta por lograr estes obxectivos". Ademais, Ferreiro considerou que o acordo aprobado onte a iniciativa do presidente da APAC "é incompleto, insuficiente e excluínte doutras posturas". "Pedimos á APAC e á Xunta de Galicia que se sumen ao clima de diálogo que hai establecido nestes momentos e que non tenten usar este asunto como un ariete contra o Goberno de Pedro Sánchez. Non vexo ningún interese no PP en acadar ningunha solución sobre este asunto, só de crear bronca política", rematou.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión