19 de febrero de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o contrato terá un impacto directo en 29 centros educativos da Coruña, “cos que xa vimos traballando arreo”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou a saída a concurso do contrato de conservación e mantemento dos colexios e centros de educación especial da cidade, cun investimento de 1,4 millóns en dous anos.
A alcaldesa informou de que hai un incremento con respecto aos fondos que se estaban a destinar ata agora a este contrato, "que poderemos ampliar por outros tres exercicios máis".
"Este servizo é fundamental para lles dar resposta ás necesidades diarias dos centros educativos da cidade, a curto, medio e longo prazo. Estamos a atender cuestións básicas como melloras na rede de electricidade dos colexios, nos seus aseos e tamén en materia de renovación e construción de infraestruturas para o uso e lecer da rapazada", precisou Rey, que apuntou que este contrato terá un impacto directo en 29 centros educativos da Coruña, "cos que xa vimos traballando arreo".
A este respecto, a alcaldesa lembrou que as competencias neste eido son fundamentalmente da Xunta de Galicia. "Nós, como Concello, estamos comprometidos coa comunidade educativa da cidade e coas súas demandas. Por iso, na medida das nosas posibilidades imos atendendo moitas cuestións e intervencións que nos trasladan os colexios. Días atrás rematamos os traballos de substitución de todas as ventás do edificio de actividades extraescolares do CEIP Emilia Pardo Bazán, no barrio dos Rosales, e tamén estamos a impulsar melloras noutros colexios como o Ramón de la Sagra e María Pita, en Elviña, e o Víctor López Seoane, en Monte Alto", manifestou.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible