12 de septiembre de 2026
A actuación permitirá renovar o espazo deportivo do parque Adolfo Suárez para a práctica de catro disciplinas
As obras, cun prazo de execución de dez semanas, mellorarán a drenaxe, a iluminación e a seguridade do recinto
O Concello iniciará a semana que vén as obras de rehabilitación da zona de deportes de praia de San Pedro de Visma, situada no parque Adolfo Suárez. A actuación permitirá renovar integralmente este espazo e adaptalo para a práctica de voleibol, balonmán, tenis e fútbol praia, mellorando tamén as condicións de uso, seguridade e funcionalidade das instalacións.
A nova zona deportiva contará cunha superficie de xogo de aproximadamente 1.200 metros cadrados e unhas dimensións de 40 por 30 metros. Os traballos teñen un prazo de execución previsto de dez semanas e suporán un investimento municipal de case 120.000 euros.
"Con esta actuación seguimos avanzando na mellora dos equipamentos deportivos municipais e ampliando as posibilidades para practicar deporte ao aire libre nos barrios, cun espazo renovado en San Pedro de Visma que dará resposta ao crecente interese polos deportes de praia", sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
Un dos principais eixos da intervención será a mellora da drenaxe da pista. Para facilitar a evacuación da auga instalarase un sistema subterráneo con colectores dispostos en espiña de peixe, co obxectivo de favorecer unhas mellores condicións da superficie de xogo e facilitar o uso do recinto ao longo de todo o ano.
A renovación tamén inclúe a instalación dun novo peche perimetral e redes de protección para incrementar a seguridade e funcionalidade do recinto. Ademais, colocarase un novo sistema de iluminación formado por catro báculos LED de oito metros de altura e alta eficiencia, que permitirá mellorar as condicións para a práctica deportiva nas franxas horarias con menor luz natural.
Os traballos completaranse coa recuperación e pintado dos muros existentes e con outras actuacións de posta a punto da contorna. Deste xeito, o Concello renovará de forma integral un espazo deportivo de uso cidadán e reforzará a oferta de instalacións municipais para modalidades que contan cada vez con máis persoas afeccionadas na cidade.
A actuación en San Pedro de Visma enmárcase na estratexia establecida por Inés Rey para ampliar e modernizar a rede municipal de instalacións deportivas, tanto mediante a renovación dos equipamentos existentes como coa creación de novos espazos de deporte de proximidade nos barrios. O Concello está a desenvolver esta planificación a través do Plan de Equipamentos Deportivos, orientado a dar resposta ás necesidades das diferentes zonas da cidade.

11 de septiembre de 2026

5 de septiembre de 2026

1 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible