7 de abril de 2026
A parada de autobús metropolitano trasladarase á rúa Manuel Casás. Tanto o tráfico nos Cantóns como as zonas de carga e descarga mantéñense como ata agora
O proxecto de remodelación dos Cantóns, que está a cambiar a cara dunha das zonas máis recoñecibles e emblemáticas do centro da cidade, entrará o próximo luns, 13 de abril, nunha nova fase, co peche ao tráfico de Entrexardíns e o traslado da súa parada de autobús metropolitano á nova localización na rúa Manuel Casás.
Este novo paso na obra comeza o proceso de peonalización e unión do conxunto dos xardíns e persegue a integración dos dous tramos diferenciados, para lles dar unidade conxunta ás partes e acadar uns percorridos esteticamente máis coherentes. Esta actuación en Entrexardíns e o treito final da rúa Santa Catalina unificará percorridos e vistas nunha mesma aliñación e formará un paseo peonil orientado á entrada do porto.
"A obra dos Cantóns é unha das máis importantes e representativas das que temos en marcha, porque foi un compromiso co cambio, coa tarefa de poñer rumbo cara a unha cidade que non soamente sexa máis coherente e atractiva desde o punto de vista estético, senón que persiga tamén criterios de comodidade, accesibilidade e sustentabilidade", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
A formulación desta parte da actuación, tal e como figura na redacción do proxecto, busca concretar un nexo de unión entre as dúas metades de Méndez Núñez, hoxe separadas por Entrexardíns, e facer o tramo accesible aos peóns e peoas utilizando a zona onde hoxe se sitúa a parada de autobús como espazo de transición entre o espazo do xardín romántico e o do parque.
O corte de Entrexardíns e o traslado da parada do bus son as modificacións na mobilidade da zona nesta fase da obra. Polo demais, o tráfico mantense como ata agora en ambas as direccións, tanto no Cantón Grande como no Pequeno, e as zonas de carga e descarga seguirán estando situadas na rúa Nova e en Durán Loriga.
"A gran remodelación dos Cantóns avanza a bo ritmo para ofrecer aos coruñeses e coruñesas unha zona de paseo nunha localización inmellorable, conectada tanto co mar pola súa proximidade ao porto como coa actividade lúdica e comercial do centro", apuntou a alcaldesa, que recordou tamén que con esta actuación os xardíns de Méndez Núñez serán, por fin, un único xardín sen estradas que o dividan.
A obra de remodelación dos Cantóns xa superou o pasado mes de marzo o seu ecuador, coa renovación dun total de máis de 12.000 metros cadrados de pavimento nas súas diferentes fases.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible