30 de julio de 2025
A intervención, contextualizada no Plan de Barrios 2025-27, inclúe a instalación de novos equipamentos, con máis xogos inclusivos e sensoriais
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a derradeira deste mes de xullo, e na que se deu luz verde a un investimento de 1,6 millóns de euros no Ventorrillo e Elviña, reforzando así a folla de ruta do novo Plan de Barrios 2025-2027 que promove o Goberno municipal.
Tal e como expuxo antonte a rexedora, na presentación oficial do Plan, iranse atendendo as demandas de cada distrito da cidade, con énfase na mellora dos espazos públicos e na accesibilidade universal, tamén na renovación de infraestruturas de ocio e lecer para a cidadanía da Coruña.
É o caso do parque infantil lindeiro á gardaría do Ventorrillo, que o Concello ampliará e mellorará nos vindeiros meses, co que dará resposta a unha das principais demandas das familias usuarias da instalación. "Destinamos un millón de euros a renovar este espazo. Era unha actuación que tiñamos sobre a mesa xa desde hai tempo, e, agora, entramos na última fase dos trámites administrativos previos á execución das obras", indicou Rey.
A saída a concurso dos traballos abre camiño á remodelación do parque, que conta cunha novidade destacada: será a primeira área infantil cuberta da cidade, unha medida concibida para protexer as crianzas en días de condicións meteorolóxicas adversas e tamén fronte á radiación solar nos meses estivais. A previsión do Concello é que a área infantil do Ventorrillo conte con catro cubertas lixeiras de policarbonato para cubrir o parque.
Tal e como detallou a alcaldesa, a superficie da área infantil pasará de 400 a 730 metros cadrados. "É dicir, coa mellora case a duplicamos, igual que o número de persoas usuarias: agora é de 76 e será de 135", precisou. Ademais, renovaranse tanto o pavimento como os equipamentos que hai actualmente, sumando xogos inclusivos e sensoriais. Haberá dous novos tobogáns aproveitando o noiro lindeiro ao parque, semellantes aos existentes nos parques de Oza e Eirís.
Cando se adxudiquen as obras, haberá un prazo de nove meses para a súa execución.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible