27 de septiembre de 2026
A programación celebrarase en oito espazos da rede municipal e conta con máis de 100.000 euros de investimento
As Bibliotecas Municipais da Coruña volverán encherse de contos e actividades para compartir en familia. O Concello da Coruña investirá máis de 100.000 euros no deseño e desenvolvemento dun programa de dinamización lectora que ofrecerá 104 actividades en oito espazos da Rede de Bibliotecas Municipais.
'Merendas con contos' é un dos programas máis veteranos das Bibliotecas Municipais, que leva 32 anos achegando a lectura ás crianzas de entre 3 e 7 anos e ás súas familias. Desde a súa posta en marcha, 'Merendas con contos' converteu os contos, a narración e a representación escénica nunha forma de descubrir a biblioteca desde os primeiros anos. Unha experiencia que permite ás crianzas achegarse aos libros dunha maneira lúdica e participativa e ás familias compartir un tempo de lecer arredor das historias.
Nesta nova edición, as Bibliotecas Municipais poñerán á disposición das familias máis de 2.600 prazas para crianzas de 3 a 7 anos, dentro dunha programación que se desenvolverá entre os meses de outubro e maio.
O obxectivo é que a biblioteca sexa moito máis ca un lugar ao que acudir para levar libros en préstamo: un espazo para descubrir, participar, compartir e gozar da lectura en compañía. As actividades combinarán contos, narración oral, representación escénica, música e outras formas de achegamento aos libros, adaptadas ás diferentes idades e necesidades das persoas participantes.
"Queremos que as nenas e os nenos descubran desde as primeiras idades que na biblioteca sempre hai unha historia esperando por eles, pero tamén que as familias atopen nestes espazos un lugar para compartir tempo, descubrir libros e gozar xuntas da lectura. Programas como 'Merendas con Contos', que leva 32 anos achegando os contos ás crianzas da cidade, axúdannos precisamente a crear ese vínculo coa biblioteca e coa lectura desde os primeiros anos", sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. "Por iso desde o Goberno de Inés Rey imos seguir impulsando investimentos deste tipo, reforzando ademais a nosa rede de bibliotecas públicas e facilitando que as novas xeracións medren rodeadas de libros e historias", engadiu.
As propostas buscarán tamén que as crianzas teñan un papel activo durante as sesións e que as familias poidan descubrir novas formas de compartir a lectura. Para iso, as actividades estarán pensadas desde a participación, a diversidade e a inclusión, tendo en conta as diferentes idades, intereses e capacidades das persoas participantes. Ademais, priorizaranse aqueles libros que xa forman parte do catálogo das Bibliotecas Municipais, de maneira que as familias poidan atopalos nos centros e levalos en préstamo de forma gratuíta para continuar na casa as historias descubertas durante as actividades. A programación permitirá tamén recuperar e poñer en valor contos, poemas e cancións da tradición oral galega, ao tempo que achegará ás crianzas diferentes realidades e favorecerá a creación de espazos de comunicación e encontro arredor dos libros.
Deste xeito, as Bibliotecas Municipais continúan a traballar para facer da lectura unha experiencia compartida desde os primeiros anos e para consolidar as bibliotecas como espazos próximos e accesibles para toda a cidadanía.
Unha programación en oito espazos da rede
As actividades desenvolveranse entre outubro e maio e contarán con sesións de 45 minutos de duración. As propostas terán lugar de luns a sábado, en horario de 18.00 a 18.45 horas, nos seguintes espazos:
Biblioteca Ágora (luns): 30 prazas
Biblioteca Sagrada Familia (martes): 20 prazas
Biblioteca Fórum Metropolitano (martes): 30 prazas
Biblioteca Monte Alto (mércores): 25 prazas
Biblioteca Castrillón (xoves): 30 prazas
Biblioteca Rosales (venres): 16 prazas
Punto de Préstamo de Mesoiro (sábado): 30 prazas
Biblioteca Durán Loriga (sábado): 20 prazas
Os horarios e as datas poderán experimentar algunha modificación en función das necesidades organizativas dos centros no momento de pechar o calendario definitivo.
A iniciativa forma parte da programación de promoción lectora das Bibliotecas Municipais da Coruña e da aposta do Concello por ofrecer actividades que acheguen a lectura á cidadanía e que convertan as bibliotecas en espazos de encontro e participación.

26 de septiembre de 2026

25 de septiembre de 2026

24 de septiembre de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible