6 de mayo de 2025
Expertos da Oficina Virtual do Grafiti e axentes da Patrulla Verde explícanlle á mocidade as consecuencias de realizar pintadas ilegais
Desde que se puxo en marcha a Oficina Virtual do Grafiti no ano 2021, retiráronse máis de 40.000 pintadas das rúas da cidade
O Concello da Coruña organiza esta semana unha serie de sesións informativas en distintos institutos da cidade, co fin de lles trasladar ás e aos escolares a importancia de respectar a contorna urbana e evitar as pintadas vandálicas que o degradan. Nesta edición, sumáronse sete institutos da cidade: IES Eusebio da Guarda, IES Monelos, IES Puga Ramón, IES Elviña, IES A Sardiñeira, IES Agra do Orzán e IES Fernando Wirtz.
"Desde a creación da Oficina Virtual do Grafiti (OVG) en 2021, compaxinamos as tarefas de limpeza e retirada de pintadas vandálicas na cidade cun importante labor educativo nos centros escolares", explicou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. "A experiencia adquirida indícanos que a idade para iniciarse neste vandalismo urbano sitúase entre os 12 e os 14 anos, nun momento en que estes mozos e mozas teñen unha maior sensación de impunidade debido á súa idade", precisou. A posta en marcha de plans específicos de limpeza de pintadas foi unha das medidas postas en marcha na cidade pola alcaldesa, Inés Rey, durante o pasado mandato.
Nas charlas, impartidas por expertos da OVG e axentes da Patrulla Verde da Policía Local, explícaselles ás persoas asistentes os métodos que se empregan para localizar ás persoas autoras das pintadas, a través de grafólogos e vixilancia das zonas nas que actúan os grafiteros ilegais, e expóñense as sancións que terán que afrontar en caso de sexan localizados. Desde que o Concello comezou a súa loita contra este tipo de vandalismo, os expertos grafólogos identificaron os autores e autoras de máis de 15.000 pintadas e sancionouse a 40 grafiteros ilegais.
"É moi importante transmitir a importancia do respecto á contorna urbana, pero tamén que os mozos e mozas saiban as sancións ás que se expoñen, que terán que pagar os seus pais, nais ou titores/as, e as consecuencias que pode ter contar con este tipo de antecedentes", subliñou Neira.
O Concello inviste 150.000 euros anuais no servizo integral para combater as pintadas e grafitis non autorizados. O ano pasado, a Oficina Virtual do Grafiti realizou un total de 2.138 intervencións para retirar pintadas de distintos barrios da Coruña. Cada intervención implica a limpeza dunha media de 3 a 4 pintadas de diferentes características e dimensións por actuación.
No que vai de ano, realizáronse xa 793 intervencións. Desde a posta en marcha deste servizo, realizáronse 10.239 intervencións, o que supón máis de 40.000 pintadas retiradas.
A OVG traballa cunha planificación por distritos que se iniciou na zona centro e que se estendeu de forma homoxénea polos distritos 10, 9 e 8, sen prexuízo de que se acometeran limpezas noutras zonas estratéxicas (rolda de Nelle, rolda de Outeiro, Os Rosales...).
As pintadas con mensaxes que inciten á violencia, ao odio ou aos dereitos fundamentais (igualdade, dignidade, liberdade...) retíranse de forma inmediata en canto son detectadas.
Ademais, realízase un importante traballo de consolidación das zonas xa limpas para evitar a nova aparición de pintadas nesas zonas. Dúas brigadas traballan de luns a domingo e coordínanse para consolidar a zona recuperada e, á vez, ir avanzando na limpeza.

26 de enero de 2026

19 de enero de 2026

16 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible