26 de mayo de 2026
O programa xa está en marcha con dous equipos traballando no barrio de Monte Alto e no ámbito de Peruleiro-Riazor e Paseo das Pontes
Inés Rey presentou a iniciativa acompañada da concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou o programa intensivo de beirarrúas "Barrio a Barrio", unha iniciativa municipal destinada a desenvolver actuacións integrais de mellora do espazo público nos distintos barrios da cidade. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
O programa nace tras a experiencia piloto desenvolvida no Agra do Orzán, onde o Concello executou 176 actuacións en apenas dous meses e medio. "Trátase de actuar de maneira integral para recuperar, coidar e poñer en valor o espazo público, porque entendemos que o estado das rúas, das prazas e dos barrios inflúe directamente na calidade de vida da veciñanza", destacou a alcaldesa.
A iniciativa supón a posta en marcha da primeira fase dun plan intensivo de mantemento urbano que permitirá actuar progresivamente nos barrios da cidade ao longo dos próximos meses mediante dous equipos de intervención simultáneos. Actualmente, o programa xa está plenamente operativo en Monte Alto e no ámbito de Peruleiro-Riazor e Paseo das Pontes. Ata o momento, o Concello leva realizadas 160 actuacións en Monte Alto e máis de 120 en Peruleiro-Riazor e Paseo das Pontes. Sumado ás 176 actuacións no proxecto piloto do Agra do Orzán o programa suma arredor de medio cento de actuacións.
Segundo explicou a concelleira, Noemí Díaz, esta experiencia permitiu comprobar "que este modelo funciona e que actuar de maneira intensiva e planificada por ámbitos territoriais permite mellorar tanto a capacidade de resposta municipal como o resultado final das intervencións".
As intervencións inclúen reparación e renovación de beirarrúas e pavimentos, substitución de baldosas deterioradas, melloras de accesibilidade, instalación e reposición de bancos, reparación de fontes públicas, repintado da sinalización horizontal, mantemento do mobiliario urbano e actuacións de mellora xeral do contorno urbano. As actuacións coordínanse a través dos contratos de sinalización viaria e mantemento de beirarrúas da Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, incorporando tamén reforzos de limpeza viaria para garantir unha mellora máis visible e duradeira do espazo público. Deste xeito, o Concello implica tanto a área de Infraestruturas como a de Medio Ambiente nun mesmo plan de actuación.
O modelo incorpora tamén participación cidadá mediante as achegas das asociacións veciñais, os informes dos concelleiros e concelleiras de distrito e as incidencias rexistradas no servizo IRIS. Ademais que este programa intensivo, o Goberno de Inés Rey continúa desenvolvendo o Plan de Barrios 2025-2027, que conta xa cun nivel de execución de arredor do 60% do orzamento previsto e permitiu mobilizar máis de 71 millóns de euros en investimentos por toda a cidade.

22 de mayo de 2026

20 de mayo de 2026

16 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible