17 de enero de 2026
Máis de 15.900 estudantes de 82 centros educativos participarán nesta iniciativa que promove o coñecemento da cidade desde unha perspectiva educativa, cultural e patrimonial
O Concello da Coruña activa esta semana unha nova edición do programa Coruña de Aventura, unha iniciativa municipal de referencia que se desenvolve de forma continuada desde comezos dos anos 90 e que ofrece ao alumnado a oportunidade de coñecer a cidade fóra da contorna escolar.
O programa desenvolverase ata mediados do mes de xuño e está dirixido a estudantes de todas as etapas educativas, desde a educación infantil ata a secundaria. A iniciativa conta coa colaboración da Federación Provincial de ANPAs da Coruña, e permite que o alumnado poida achegarse ao patrimonio histórico, cultural e institucional da cidade, reforzando a aprendizaxe práctica e o coñecemento do seu entorno máis próximo.
Nesta edición participarán un total de 15.963 alumnos e alumnas, procedentes de 82 centros educativos, dos cales 70 pertencen á cidade da Coruña e 12 a outros concellos, o que consolida a vocación metropolitana e integradora do programa.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, salientou que Coruña de Aventura "é un exemplo claro de educación vinculada ao territorio, que permite ao alumnado descubrir a súa cidade e recoñecerse nela". "Levar máis de trinta anos desenvolvendo este programa con éxito é unha mostra do compromiso do Concello coa educación pública de calidade", apuntou.
Ao abeiro deste programa, o Concello facilita o acceso do alumnado a espazos e entidades singulares como museos, centros institucionais, instalacións culturais e empresas locais. A oferta está adaptada a cada nivel educativo e as condicións das visitas están coordinadas coas entidades colaboradoras, que marcan os grupos, os contidos e os requisitos específicos de cada actividade.
Para garantir a participación de todos os centros públicos da cidade, o Concello ofrece o servizo de transporte escolar de forma gratuíta ás Escolas Infantís Municipais (EIM), aos CEIP e aos IES da Coruña.
Cada centro pode solicitar unha única visita ou itinerario por grupo-clase, sendo a asignación xestionada a través da aplicación municipal habilitada para o programa, que tamén permite facer seguimento das actividades e a súa avaliación posterior.
A posta en marcha dunha nova edición de Coruña de Aventura enmárcase nas políticas educativas impulsadas desde o Goberno local para reforzar a igualdade de oportunidades, fomentar o acceso á cultura e conectar ao alumnado coa realidade da cidade.
No marco das liñas de actuación do Goberno de Inés Rey, prográmanse actividades que complementan o currículo académico, favorecen a aprendizaxe activa e fortalecen o sentimento de pertenza e coñecemento do patrimonio colectivo.

11 de enero de 2026

10 de enero de 2026

10 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible