28 de abril de 2026
O 30 de abril o Sol situarase na mesma posición que terá durante a eclipse, o que permitirá facer probas reais de visibilidade
O Concello da Coruña presentou esta mañá en María Pita as indicacións que facilitarán a visibilidade da eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto, apoiadas en dous visores interactivos que lle permitirán á cidadanía orientarse e escoller con antelación os mellores puntos de observación.
O responsable dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez Maldonado, explicou a importancia de que todas as persoas interesadas en contemplaren a eclipse o 12 de agosto aproveiten este semana o xemelgo solar que se producirá: na tarde do día 29 de deste mes o sol estará exactamente na mesma posición que o 12 de agosto. Iso permite, indicou, que cada persoa comprobe na contorna máis próxima ao seu domicilio o mellor punto para contemplar o fenómeno e evitar desprazamentos a outras zonas da cidade que seguramente ese día estarán moi saturadas.
Para axudar na tarefa de busca o Concello desenvolveu dous mapas interactivos de uso público, deseñados polo técnico de Mobilidade José Ancosmede, que permiten comprobar as zonas de sombra e mesmo o punto exacto no que se situará o sol ese día no momento da eclipse.
Os mapas recollen ducias de puntos distribuídos por toda a cidade, así como zonas nas que a visibilidade pode estar limitada e espazos de estacionamento próximos. Trátase de ferramentas dinámicas e en constante actualización que permitirán adaptar a planificación a medida que se achegue a data do evento. Facilitan ademais, destacou Marcos Pérez, que todas as persoas teñan acceso ás vistas privilexiadas do fenómeno desde calquera dos barrios da cidade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou a relevancia deste acontecemento astronómico e destacou o traballo previo desenvolvido polo Concello, sinalando que "en ningunha cidade de España se poderá desfrutar dun espectáculo único como a eclipse total de Sol do 12 de agosto como na Coruña, polo que queremos que ese día sexa inesquecible para toda a cidadanía e tamén para as miles de persoas que nos visiten".
Rey incidiu na necesidade de anticiparse ante a elevada afluencia prevista, sinalando que "estamos a preparar un operativo con centos de profesionais implicados e distintos puntos da cidade para dar resposta á chegada masiva de visitantes, tras meses de planificación nos que tamén se definiu un plan de tráfico específico para evitar incidencias".
Neste sentido, a alcaldesa explicou que o obxectivo dos visores é facilitar que a cidadanía poida gozar da eclipse preto das súas vivendas, evitando desprazamentos innecesarios: "Queremos que calquera veciño ou veciña poida chegar camiñando a un punto próximo e vivir esta experiencia con comodidade e seguridade".
Ademais, Rey recomendou aproveitar estes días previos para comprobar as condicións reais de visibilidade: "É importante utilizar o chamado 'xemelgo solar' desta semana, xa que o Sol estará na mesma posición que o día da eclipse. Isto permitirá verificar desde cada punto a visibilidade á hora exacta".
Os visores presentados hoxe son accesibles a través das seguintes ligazóns:
Mapa de sombras:
Visor de puntos de observación:
O Concello leva meses desenvolvendo accións no marco da campaña ACoruñaCidadEclipse, co obxectivo de preparar á cidadanía para este evento. Entre elas, destacan os talleres organizados na Casa das Ciencias en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío, dirixidos a profesorado, persoal técnico e profesionais da atención sociocultural, co fin de facilitar a transmisión de coñecementos sobre a observación segura da eclipse.
Estas iniciativas formativas compleméntanse co desenvolvemento de ferramentas dixitais como os visores presentados hoxe, que buscan garantir que toda a cidadanía poida desfrutar deste fenómeno astronómico con seguridade e nas mellores condicións.
O Concello lembra, ademais, a importancia de empregar sempre lentes homologadas para a observación de eclipses ou construír caixas estenopeicas que garantan a seguridade visual dos menores. Ditas caixas pódense facer sen custo e o Concello tamén ofrece información sobre como facelas a través das redes sociais dos propios Museos Científicos.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible