Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

4 de marzo de 2016

O Concello presenta Expontáneas, un programa “pioneiro” de intervencións artísticas no espazo público para apoiar á creación emerxente e promover “a conquista cultural da cidade”

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salientou que esta iniciativa dirixida a artistas de entre 18 e 35 anos, ten como obxectivo “amosar a potencialidade creadora” da Coruña e achegar as artes “dunha forma máis accesible” ao diversos públicos da cidade

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de presentar un novo proxecto promovido desde a súa área dirixido a impulsar a intervención artística en espazos urbanos da cidade. Expontáneas --que así se denomina o a iniciativa-- quere fomentar accións que respondan á filosofía integradora e participativa da arte pública, e busquen a recuperación do valor do espazo cotián a través do feito artístico. O responsable de Culturas, José Manuel Sande, cualificou este programa como “pioneiro” e “máis que pertinente”, acorde ao “paradigma de cultura” do goberno local, ao enlazar “iniciativas históricas coa vangarda como experimento, como conquista cultural da cidade a través da arte na rúa” e “reforzar a idea do apoio á creación local”. “O poso artístico está presente na cidade. A Coruña ten unha enorme potencialidade creativa e arroupa todas as mostras contemporáneas artísticas”, afirmou o edil.

Expontáneas consistirá en 24 intervencións artísticas inéditas na que teñen cabida múltiples disciplinas, como as artes visuais (como a escultura, graffiti, instalación, pintura ou videoarte), artes escénicas (entre as que se atopan a danza, música ou teatro) e o deseño (arquitectura, paisaxismo e urbanismo). Os proxectos terán unha duración comprendida entre os 3 e 7 días e desenvolveranse ao longo de dúas convocatorias este ano 2016. “Serán procesos efémeros, pero sen menoscabo da súa calidade”, puntualizou o edil de Culturas. Cada artista, dunha idade comprendida entre os 18 e 35 anos, poderá valorar libremente o caché da súa acción, até un máximo de 1.500 euros con impostos incluídos. Tamén poderán participar entidades xurídicas sen ánimo de lucro cuxo proxecto sexa levado a cabo por persoas que cumpran co requisito de idade. “O apoio a creación local tamén pasa pola idea da construción e da creación dunha cidadanía creativa, activa e colectiva”, sinalou Sande, quen destacou que Expontáneas “permitirá crear un diálogo claro coa cidade en todas as súas dimensións”, ao entrar en contacto con entidades “que traballan acotío cos creadores locais novos”, como son o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), Plataforma14 e a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso.

A primeira das convocatorias, que terá lugar nos meses de abril e xuño, ten o prazo de inscrición aberto até o 17 de marzo. A segunda desenvolverase entre os meses de setembro e decembro, e poderán presentarse propostas no vindeiro mes de maio.

O comisariado desta primeira edición de Expontánteas virá da propia Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento. Un dos principais requisitos e motivacións deste proxecto de creación interdisciplinar, segundo o concelleiro, será o descubrimento da vangarda “desde a pedagoxía” e as súas expresións “como accesibles para á cidadanía”, e o carácter público e gratuíto da creación, xa que non se poderán desenvolver en espazos de acceso restrinxido. “Temos un  inventario de lugares escollidos con posibilidades para a realización das obras grazas ao traballo realizado en común polas áreas de Culturas, Rexeneración Urbana e Medio Ambiente”, explicou Sande.

O radio de acción das intervencións que participarán en Expontáneas estenderase a todos os puntos da cidade, seguindo a liña de descentralización fixada pola área de Culturas nas súas intervencións. “Cando falamos de descentralizar, falamos de ampliar e de conectar cos barrios e redescubrir os espazos”, expuxo o edil. Neste sentido, o responsable municipal asegurou que o programa permitirá “explorar os límites da cidade”, así como “lexitimar as formas de arte contemporáneo e os espazos á súa vez”. “Este é un dos resto que tamén queremos integrar con esta iniciativa, a idea dunha Coruña na que hai singularidades, pero non marxinalidades”, afirmou.
 

O proxecto contará cunha web, www.expontaneas.gal, a través da cal se amosarán todas as potencialidades das accións do programa, que estarán acompañadas de material audiovisual que se difundirá nas redes sociais (Facebook e Instagram) e das que serán partícipes os propios artistas como creadores de contidos. A través destas canles, as e os artistas seleccionados realizarán unha comunicactión activa, con información sobre a conceptualización, deseño, produción, implementación e impacto da súa obra.




 

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión