Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de marzo de 2023

O Concello promove a música galega de vangarda co ciclo cultural VANGAL

Terá lugar entre os días 14 e 16 de abril na Fundación Luis Seoane e contará con seis actuacións de artistas galegas

O Concello da Coruña reforza a súa aposta pola música galega de vangarda coa realización do ciclo cultural VANGAL, un evento multidisciplinar que combinará actuacións musicais con coloquios e intervencións expositivas. A directora da Área de Cultura do Concello, Bettina Kohlhass, presentou o ciclo de 'Vangarda Galega Alternativa' xunto con Marcos Gendre, director do ciclo, que se levará a cabo entre os días 14 e 16 de abril na Fundación Luis Seoane. "Este é un importante encontro musical co que queremos poñer en valor a escena actual do folclore galego" explicou.

O ciclo VANGAL reunirá a seis artistas actuais do panorama do folclore galego. Fillas de Cassandra actuará na Luis Seoane xunto con Sheila Patricia, MounQup, Faia, Teresa Ferreiro e Laura LaMontagne e PicoAmperio. De forma paralela, a Fundación Luis Seoane contará coa exposición "Colección Autóctona" de Teresa Ferreiro, ademais de diferentes charlas das artistas convidadas. "O obxectivo é non só ofertar unha programación musical senón tamén unha programación cultural e divulgativa poñendo en valor esa 'reforestación' que está a vivir a música galega tradicional e tamén a cultura" sinalou Bettina Kohlhass.

Esta iniciativa súmase ás actividades culturais postas en marcha polo Goberno de Inés Rey como o ciclo de música WOMEX, a feira de World Music máis importante do mundo, que se levará a cabo por primeira vez na Coruña entre os días 25 e 29 de outubro deste ano. "Coa realización deste ciclo de Vangarda Galega Alternativa avanzamos na consolidación da Coruña como capital cultural do noroeste atlántico, apostando pola cultura nas súas diferentes formas e moi especialmente pola cultura galega" concluíu.

A entrada ás diferentes actuacións e actividades do ciclo é de balde ata completar a capacidade.

A programación de VANGAL ao detalle

Ao longo dos días 14, 15 e 16 de abril realizaranse un total de seis actuacións musicais que terán lugar no patio da Fundación Luis Seoane, con entrada de balde ata completar a capacidade. Os horarios son:

  • Venres 14 | Faia (21.00 h) e Teresa Ferreiro (22.15 h)
  • Sábado 15 | Laura LaMontagne & PicoAmperio (21.00 h) e MounQup (22.15 h)
  • Domingo 16 | Sheila Patricia (19.00 h) e Fillas de Cassandra (20.15 h)

Ademais das actuacións, haberá dúas charlas de Faia e MounQup baixo o título "Ta mère la saltimbanque" na que falarán sobre os procesos creativos e os coidados vinculados á nai na música. Serán no recibidor da Fundación Luis Seoane o venres 14 e o sábado 15 respectivamente, ás 20.00 h. As persoas que o desexen tamén poderán achegarse á Fundación Luis Seoane para ver a exposición de Teresa Ferreiro coas ilustracións da artista, dispoñible durante a totalidade do ciclo no patio da Fundación Luis Seoane.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión