8 de julio de 2025
O evento pon punto e final ás actividades das escolas da agrupación coruñesa e ten carácter solidario
O Concello da Coruña colabora na celebración estes días 11, 12 e 13 de xullo do Serán de Son d'aquí e Asarga, un evento de carácter solidario que terá lugar no Campo da Leña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.
A asociación Son d'aquí, coa súa raíz no barrio coruñés de Monte Alto, organiza a décima edición do seu xa tradicional Serán co que pon punto final ás actividades das súas escolas. Nun ano tan especial, ademais, únese a outra organización do barrio, Asarga - Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, para tecer una rede solidaria de apoio na loita contra este tipo de cancro. "Desde o Goberno de Inés Rey promovemos sempre as iniciativas das asociacións de cultura galega da cidade, que apostan por levar ás rúas a súa actividade e amosar o gran potencial que teñen os seus alumnos e alumnas", indicou Castro. Pola súa banda, Nereida Canosa, celebrou que as iniciativas culturais "teñan un carácter solidario e apoien iniciativas que xorden dos nosos barrios e teñen por obxectivo un maior grao de coñecemento e de investigación sobre enfermidade como esta".
O festival traerá tres días de música e folclore que celebrarán as raíces da música galega no Campo da Leña da Coruña. O venres, 11 de xullo, o Serán d'aquí comezará cun gran concerto protagonizado polos grupos de Cantareiras e agrupación musical de Son d'aquí, As Pías, Tiruleque e Sheila Patricia. Será nunha sesión continuada de música que comezará ás 20.30 horas.
Ao día seguinte, o sábado 12 de xullo, a festa continúa coa presentación das escolas e escoliñas de Son d'aquí, que durante todo o curso prepararon diversas pezas tradicionais galegas. Baile, pandeiretas, pandeiros, gaitas, percusión e zanfonas soarán no Campo da Leña nunha mañá que comezará ás 11.00 horas e á que porán punto final As Tareixas na sesión vermú. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, dará inicio a Foliadiña Infantil, dedicada aos máis pequenos, e ás 19.00 Asarga celebrará un bingo solidario con premios doados polo Real Club Deportivo de A Coruña.
Tras un Obradoiro de baile tradicional (19.30), ao caer o serán (20.00 horas) poranse en marcha as actuacións que transformarán o Campo da Leña nun torreiro. Xaora, A Meda, No Cómbaro, os Cantareiros de Son d'aquí, Xirandela, Xebre, Barallocas, o grupo musical de Son d'aquí, Donaire, Alxibeira, Os da Fonte da Picachá, Xacarandaina e as Cantareiras de Son d'aquí pasarán polo escenario para encher de música Monte Alto até a madrugada.
Durante as dúas xornadas haberá postos de información e merchandising e nos que comprar as rifas de Son d'aquí para participar nos distintos sorteos de produtos artesanais tradicionais. Ademais, Asarga terá á venda una camiseta conmemorativa da loita contra o sarcoma, cuxa recadación, canda a do bingo solidario, se destinará a financiar proxectos de apoio a pacientes impulsados pola asociación, que estará presente con actividades de sensibilización en información sobre esta enfermidade.
As celebracións do décimo Serán pecharanse cun xantar dos socios de Son d'aquí o domingo, 13 de xullo, tamén no Campo da Leña.
Sobre Asarga
Dende a súa fundación con vocación autonómica, Asarga consolidouse como unha entidade de referencia a nivel estatal no acompañamento a persoas afectadas por sarcoma, un tipo de cancro que representa menos do 1% dos tumores e que pode afectar tanto a adultos como a nenos. A pesar da súa gravidade, o sarcoma segue a ser unha enfermidade amplamente descoñecida e con recursos limitados. Grazas á súa labor, Asarga situou A Coruña no mapa estatal como un enclave na loita contra esta patoloxía.
Sobre Son d'aquí
A Asociación Cultural Son d'aquí fundouse na Coruña o 27 de agosto de 2014. O grupo partiu coa ilusión e as ganas de gozar e compartir con todos a alegría e a paixón polo folclore, a música e o baile da nosa terra. Trátase dun grupo de xente heteroxénea, unidos polo amor á cultura galega, que decidiu xuntarse para gozar do legado tradicional de Galicia e transmitilo ao mundo. Ademais dun nutrido grupo de baile, na actualidade conta cun grupo de música tradicional e un de cantareiras. Contan tamén coas Escolas d'aquí, abertas a todos aqueles que queiran aprender baile tradicional, gaita, pandeireta, pandeiro, percusión ou zafona. Ademais, os máis cativos teñen unha oferta cada vez máis ampla de Escoliñas ás que asistir, e coas que Son d'aquí quere ir facendo canteira e incorporar aos pequenos e pequenas ao mundo da música e o baile tradicional galegos.

24 de septiembre de 2026

12 de septiembre de 2026

11 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible